Xunta e concello de Leiro conclúen as reformas para a mellora da climatización do centro de saúde

Entre outras actuacións, instalouse un novo sistema de climatización que mellorará os problemas de calor que se viñan producindo no verán

As actuacións tiveron un orzamento de máis de 38.000 euros, e foron froito dun convenio entre Xunta e o Concello de Leiro

Durante esta lexislatura, a Xunta achegou 1,2 millóns de euros para 35 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 109 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados

Ourense, 4 de febreiro de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, supervisou esta semana a reforma executada no centro de saúde de Leiro para mellorar a súa climatización xunto co alcalde da localidade, Francisco José Fernández Pérez. Na visita, estiveron acompañados do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Félix Rubial.

O orzamento executado foi de 38.562 euros, e é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello foi o encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.

A meirande parte das obras consistiron na instalación dun sistema de climatización do centro, con grandes problemas de calor no verán. A instalación deste sistema, con dúas unidades exteriores e oito interiores, requiriu a desmontaxe ou demolición de varios falsos teitos e a súa posterior reposición.

Por outra banda, a obras de reforma incluíron tamén outras dúas actuacións: un pintado interior completo das estancias do centro e a instalación dunha marquesiña metálica acristalada na porta de acceso ao edificio, para protexer da choiva aos pacientes que desembarquen dun vehículo privado ou dunha ambulancia na entrada do centro.

Colaboración cos concellos

A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para este ano, a Xunta reforzou, unha vez máis, o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,6 millóns de euros a partida –un 8%-. En particular, o Concello de Leiro recibiu no 2022 a cantidade de 9.450 euros para financiar o mantemento desta instalación sanitaria.

Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado, desde 2017, máis de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de109 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as catro que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia, e O Porriño). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, O Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz, e as reformas de A Peroxa (Os Peares), Carballeda de Avia e Ribadavia, mentres que se atopa iniciada a do centro de saúde de Arnoia.

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Así, durante esta lexislatura, a Xunta achegou 1,2 millóns de euros para 35 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto. Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios, Cenlle, O Bolo, Amoeiro, Rairiz de Veiga, Vilardevós, Maside, Beariz ou Castrelo de Miño.

En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros, senón que tamén colabora financiando as actuacións cando hai que facer reformas. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2023