A Xunta pon en valor o proxecto Biomais CO2 centrado na redución das emisións de carbono na industria forestal
O proxecto nace da colaboración da empresa Enxeñería Forestal Asefor, a Universidade de Santiago de Compostela, a asociación Bioeco2 e o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, que conforman o grupo operativo que recibiu algo máis de 135 mil euros de achega
Presenta un enfoque innovador na produción forestal e pretende conectar ferramentas dixitais no marco da silvicultura, a calidade da madeira ou a xestión sostible
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2023 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, coñeceu esta semana o proxecto Biomais CO2, financiado cunha axuda da convocatoria de 2022 a grupos operativos de 135.000 euros. O grupo que leva a cabo este proxecto está formado pola empresa Enxeñería Forestal Asefor, a Universidade de Santiago de Compostela, a asociación Bioeco2 e o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia.
Grupos operativos
Na última convocatoria do ano 2022 beneficiáronse destas axudas 25 grupos operativos cun total de 4,3 millóns de euros. O obxectivo principal destas subvencións é fomentar a innovación no medio rural, en áreas prioritarias de actuación tales como a xestión sustentable dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconomía ou aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao sector.