A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiulle un escrito á alcaldesa pedíndolle a remisión da documentación municipal necesaria

A Xunta remítelle ao Concello de Ponteareas o proxecto da 1ª fase do saneamento da parroquia de Ribadetea e solicítalle a dispoñibilidade efectiva dos terreos

A titular de Infraestruturas e Mobilidade destaca que, unha vez que a administración local traslade a documentación requirida, poderase avanzar na colaboración e concreción do marco de financiamento que posibilite a licitación das obras o máis axiña posible
 

Trasládalle ao Concello o proxecto construtivo da 1ª fase de mellora do saneamento de Ribadetea, que xa está redactado pola Xunta e suporá un investimento de 1,4 M€
 

A actuación deriva do Plan Director de saneamento, que prioriza o desenvolvemento dunha nova rede e tres bombeos para recoller as augas residuais nas zonas que se identifican como A Freixa I, A Freixa II e Mourade
 

Lembra que, a pesar de ser unha competencia municipal, a Xunta está a colaborar, cunha achega de 2,3 M€, co Concello de Ponteareas e Acuaes na execución da ampliación da depuradora da Moscadeira, declarada de interese xeral do Estado en 2018
 

A ampliación desta depuradora é imprescindible para dotar de saneamento o núcleo de Ribadetea
 

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2023

A Xunta remitiulle ao Concello de Ponteareas a o proxecto da primeira fase do saneamento da parroquia de Ribadetea, solocitándolle a remisión da certificación acreditativa da dispoñibilidade dos terreos e do proceso de información pública.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiulle un escrito á alcaldesa, Cristina Fernández, no que lle traslada o proxecto construtivo da primeira fase de mellora do saneamento de Ribadetea, que xa está redactado logo dun investimento da Xunta de case 18.000 €, e pedíndolle a remisión da documentación municipal necesaria para avanzar neste proxecto. As obras suporán un investimento de 1,4 M€.
 
Concretamente, a titular de Infraestruturas demanda da administración local a certificación acreditativa da dispoñibilidade dos terreos ou, de ser o caso, a tramitación do procedemento de expropiación necesario.
 
Así mesmo, solicita do Concello a certificación acreditativa do resultado do proceso de información pública, mediante a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia por un prazo non inferior a 20 días hábiles e o informe onde se dea contestación ás alegacións presentadas, no seu caso. De entender o Concello que polo alcance do proxecto ou polas súas afeccións non procede a realización deste trámite de información pública, deberá emitir certificación nese sentido.
 
Segundo salienta a titular de Infraestruturas e Mobilidade no escrito remitido, unha vez que a administración local traslade a documentación requirida, poderase avanzar na concreción do convenio de colaboración que estableza o marco de financiamento que posibilite a licitación das obras o máis axiña posible.
 
O obxectivo é impulsar as actuacións derivadas da actualización do Plan Director de saneamento, realizado pola entidade hidráulica da Xunta, no que se prioriza o desenvolvemento dunha nova rede de saneamento e tres bombeos para recoller as augas residuais nas zonas que se identifican no documento como A Freixa I, A Freixa II e Mourade. Esta primeira fase é básica para o desenvolvemento do resto de fases do saneamento.
 
Ethel Vázquez subliña que, a pesar de ser unha competencia municipal, a Xunta contratou a redacción do proxecto desta primeira fase de saneamento de Ribadetea e está a colaborar co Concello de Ponteareas e Acuaes na execución da ampliación da depuradora da Moscadeira, declarada de interese xeral do Estado en 2018, cunha achega autonómica de 2,3 M€.

O obxectivo da actuación é resolver as deficiencias da rede principal de saneamento de Ponteareas, que provocan verteduras ao río Tea, así como reducir as infiltracións de augas brancas na rede de colectores.

Esta ampliación da capacidade da depuradora da Moscadeira é un paso necesario para dotar de saneamento o núcleo de Ribadetea, que depende desta ampliación da depuradora para tratar as augas residuais.

 

Data de actualización: 03/02/2023