A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o alcalde do concello lucense, Juan Carlos Armesto, asinaron esta semana o convenio de adhesión

A Xunta estende o programa Xantar na Casa ao concello do Saviñao

Un total de 20 veciños poderanse beneficiar deste servizo que leva comida san e equilibrada á propia vivenda, podéndose ampliar no caso de que exista unha maior demanda


Preto de 200 concellos de toda a xeografía galega contan con este programa, que actualmente chega xa a 1900 persoas
 

O Saviñao (Lugo), 5 de febreiro de 2023 O programa Xantar na casa da Xunta de Galicia continúa ampliando o seu ámbito de actuación coa incorporación do concello do Saviñao, chegando xa a preto de 200 municipios de toda a Comunidade Autónoma. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o alcalde deste municipio lucense, Juan Carlos Armesto, asinaron o pasado martes o convenio de adhesión a este servizo que permite levar menús saudables e equilibrados para todos os días da semana aos fogares dos veciños desta localidade que o precisan.

 

Unha vintena de veciños do Saviñao poderán beneficiarse do Xantar na casa. Este número de prazas poderá ampliarse no caso de que así sexa necesario, sendo os servizos sociais do Concello os que se ocupan de seleccionar ás persoas beneficiarias. A finalidade deste programa é garantir que calquera maior que viva só, sexa unha persoa dependente ou atrevese unha situación complicada e corra risco de exclusión reciban nas súas vivendas unha comida san e adaptada as súas necesidades.

 

Así mesmo, este programa complementa outras actuacións da Xunta para previr a soidade non desexada —como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a teleasistencia ou o programa de Coidados porta a porta—,  xa que fai posible facer un seguimento de cada usuario para detectar calquera anomalía ou incidencia nos fogares, e así poder actuar con celeridade por medio dos servizos sociais comunitarios.

 

Comida para toda a semana

A comida repártase nos domicilios nunha única entrega para todos os días da semana —incluídos sábados, domingos e festivos—, polo que o destinatario soamente ten que quentala antes de consumila. Ao usuarios do programa tamén se lles facilitan os electrodomésticos que necesiten no caso de que careza deles, como neveira e microondas.

A Xunta encárgase de financiar o 50% do custe da comida, que é de 6,60 euros por menú. Os usuarios soamente pagan 1,76 euros por cada menú, mentres que outro tanto é asumido polo Concello.

 

Ademais do Saviñao, outros catro municipios da comarca de Terra de Lemos están adheridos ao Xantar na casa: Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón e Sober. En total, son preto de 70 as prazas que a Xunta pon a disposición destes concellos ao abeiro desta iniciativa que xa conta con máis de 1900 usuarios por toda a xeografía galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/02/2023