A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe aos participantes no proxecto de voluntariado interxeracional que desenvolve a entidade

A Xunta apoia a recuperación de oficios tradicionais como oportunidade para a mocidade a través da Fundación Eduardo Pondal

O obxectivo é impulsar novas iniciativas de emprendemento, para o que as mozas e mozos contan coa experiencia de persoas maiores

Unha veintena de entidades de acción voluntaria e locais de toda Galicia participan coas súas propostas neste novidoso programa, que abrangue ámbitos como a produción agroalimentaria, a posta en valor do patrimonio ou o turismo, entre outros
 

Ponteceso (A Coruña), 3 de febreiro de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo hoxe coas dez persoas que participan na proposta de voluntariado interxeracional que está a desenvolver a Fundación Eduardo Pondal. Esta fundación é unha da veintena de entidades de acción voluntaria e locais que forman parte da que é a primeira edición deste novidoso programa co que o Goberno galego quere favorecer a formación e o intercambio de coñecementos entre a xente maior e a mocidade. 

O proxecto que está a levar a cabo a Fundación Eduardo Pondal leva por título ‘Os tempos son chegados. O teu talento, o meu futuro’ e ten como finalidade impulsar novas iniciativas de emprendemento no rural coa recuperación de oficios tradicionais. Neste sentido, Cristina Pichel destacou que a finalidade deste e de todos os proxectos que se están a executar ao abeiro deste programa de voluntariado interxeracional é abrir novas oportunidades de futuro e perspectivas laborais para a xuventude. 

A directora xeral tamén apuntou que esta proposta da Xunta permite conxugar o talento e a experiencia das persoas maiores coas inquedanzas e curiosidades da mocidade. Trátase de que as  persoas de máis de 55 anos compartan o seu coñecemento en ámbitos como a recuperación de oficios, a produción agroalimentaria, a posta en valor do patrimonio e o turismo con mozos e mozas de entre 16 e 35 anos. Estes poderán devolver este coñecemento achegando á xente maior coñecementos en modelos dixitais e tecnolóxicos, entre outros.  

Titorización

O programa de Voluntariado Interxeracional conta cun orzamento de 760.000 euros, púxose en marcha a finais do ano pasado e e continuará durante 2023, principalmente en lugares do medio rural. Esta novidosa proposta está dirixida a entidades de acción voluntaria, tanto locais como asociativas. Todos os proxectos están integrados por grupos interxeracionais e funcionan por un sistema de parellas, no que cada persoa voluntaria maior de 55 anos encargarase de titorizar a un mozo.

 

Data de actualización: 03/02/2023