A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou un dos establecementos adheridos na praza de Abastos en Santiago

A Xunta asina un novo convenio con Acega para fomentar un comercio adaptado ás necesidades das persoas celíacas

Máis de 250 comercios ou centros hoteleiros de toda Galicia participan actualmente neste programa que ofrece formación, asesoramento e controis de alérxenos

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2023

A Xunta asinou un novo convenio coa Asociación de Celíacos de Galicia (Acega) para fomentar un comercio adaptado ás necesidades das persoas celíacas. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe a tenda Raíña Paraíso na praza de Abastos de Santiago, un dos establecementos adheridos a este programa.

Fabiola García apuntou que mediante a iniciativa ‘A restauración galega sen glute’, distínguese a aqueles comercios de referencia na xestión de alérxenos para que as persoas celíacas teñan máis doado ir a facer a compra ou comer nun restaurante con todas as garantías. Nestes momentos, son máis de 250 comercios ou centros hoteleiros de toda Galicia os que participan no programa.
 
A conselleira sinalou que estes locais poden formarse na elaboración dun menú sen glute, reciben asesoramento técnico e información sobre provedores e sométense a auditorías ou inspeccións periódicas para valorar a aplicación destas medidas. Así mesmo, agradeceu a Acega pola súa labor pedagóxica e polo seu empeño para ofrecerlle ás máis de 3000 persoas celíacas de Galicia unha oferta gastronómica variada e segura.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2023