Rueda pon en valor a experiencia da compañía Siemens para contribuír aos retos tecnolóxicos e dixitais da industria de Galicia

O presidente da Xunta mantivo un encontro co novo conselleiro delegado e presidente de Siemens España, Agustín Escobar

Vigo, 5 de febreiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor a experiencia da compañía Siemens para contribuír aos retos tecnolóxicos e dixitais da industria en Galicia. Así llo manifestou esta semana nun encontro que mantivo co novo conselleiro delegado e presidente de Siemens España, Agustín Escobar, que conta xa cunha ampla experiencia na firma e que, desde o pasado mes de decembro, suma esta responsabilidade ás que xa viña asumindo como presidente de Siemens Mobility para o sur de Europa.

Na reunión -na que estiveron presentes o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o responsable territorial de Siemens en Galicia, Miguel Ángel Pena-, o mandatario galego interesouse polos proxectos da compañía, especialmente polo que ten que ver coa dixitalización do sector naval a través do Centro de Excelencia Naval de Ferrol (Cesena), o centro de referencia para a execución do plan para a dixitalización do sector impulsado por Navantia, Siemens e Pymar no marco do proxecto Estaleiro 4.0.
 
O encontro entre os responsables da Administración autonómica e os representantes de Siemens en España encádrase na rolda de contactos coas multinacionais e coas empresas de referencia nas novas tecnoloxías e no I+D que o presidente da Xunta está a levar a cabo coa finalidade de fortalecer as competencias da industria galega perante os retos que se lle presentan na procura dunha industria intelixente, eficiente e dixital.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/02/2023