O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Felix Rubial, visitaron as obras
A Xunta supervisa a reforma executada no centro de saúde de Vilar de Barrio
Repáranse as portas interiores e procedeuse ao pintado interior así como a substitución dos estores
As actuacións tiveron un orzamento de 8.900 euros e foron froito dun convenio entre Xunta e o Concello de Vilar de Barrio
Desde 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 110 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Felix Rubial acompañados do alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde, visitaron as obras de reforma do centro de saúde de Vilar de Barrio.
O orzamento executado foi de 8.900 euros e froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello foi o encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.
As obras consistiron na reparación das portas interiores e procedeuse ao pintado interior así como a substitución dos estores.
Colaboración cos concellos
A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.
Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 máis de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.
Renovación de infraestruturas de atención primaria
En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia, mentres que se atopan iniciadas as reformas nos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia.
Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Así durante esta lexislatura, a Xunta achegou 1,2 M€ para 35 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto. Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios, Cenlle, O Bolo, Amoeiro, Rairíz de Veiga, Vilardevós, Maside ou Castrelo de Miño.