A Xunta amplía en 125 metros as beirarrúas de Cangas de Foz en ambas marxes da estrada LU-162
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o Goberno galego leva investidos máis de medio millón de euros para habilitar un itinerario de peóns seguro neste núcleo de poboación
Foz (Lugo), 7 de febreiro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar obras de ampliación de beirarrúas na estrada LU-162 en Cangas de Foz, en 125 metros entre os puntos quilométricos 11,125 e 11,250.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dos traballos, que contan cun orzamento de 48.400 euros.
Lembrou que esta partida eleva a máis de medio millón de euros (504.300 euros) o investimento realizado polo Goberno galego na construción de case un quilómetro de beirarrúas neste núcleo de poboación focego, ao longo da citada estrada autonómica.
En concreto, con esta nova actuación complétanse 910 metros lineais de beirarrúa en cada marxe. Deste xeito, os veciños e veciñas dispoñen dun itinerario peonil seguro na travesía, desde o inicio da vía na intersección coa estrada N-642.