O presidente da Xunta presentou no concello de Ames o proxecto do novo CEIP Milladoiro

Rueda anuncia a incorporación de cen docentes de apoio para a atención á diversidade noutros tantos centros escolares galegos

Recorda que Galicia é a Comunidade máis inclusiva por ter a maior porcentaxe de alumnos con necesidades especiais escolarizados en centros ordinarios

Adianta novas inversións no concello de Ames para facer fronte ao incremento da poboación, coa presentación do proxecto do novo CEIP Milladoiro (9,7 M€) e a ampliación do CEIP Agro do Muíño (3,4 M€)

É o primeiro centro construído integramente en base ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica co que se crean espazos máis abertos, flexibles e sustentables
 

Compartir
  • whatsapp

Ames (A Coruña), 7 de febreiro de 2023

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anuncia a incorporación de cen docentes de apoio para a atención á diversidade noutros tantos centros escolares galegos. O mandatario galego avanzouno en Ames, onde presentou o proxecto do novo CEIP Milladoiro, un acto no que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. 

O titular do Goberno galego recordou que a construción dunha sociedade igualitaria, inclusiva e solidaria comeza polas aulas, e que por iso a Xunta, consciente da relevancia da educación, leva tempo traballando para dotala de medios, tanto materiais como humanos, que revertan nunha formación de calidade para as novas xeracións. 

No que respecta ao capital humano, Alfonso Rueda recordou que Galicia ten xa unha das mellores taxas en relación ao número de alumnos por mestre de España, xa que o 70% das aulas teñen 20 alumnos ou menos, pese a que o máximo é de 25 en Infantil e 30 na ESO e no Bacharelato. Galicia conta, ademais, co ensino máis inclusivo de España, xa que máis do 93% do alumnado con necesidades especiais está en centros ordinarios, un 10,7% máis que a media estatal. Para atendelos, a Comunidade dispón dunha rede de 4.000 profesionais destinados á atención á diversidade. 

O presidente da Xunta manifestou que se se acadaron esas cifras foi porque o Goberno galego leva moito tempo facendo un esforzo para investir en persoal cualificado nas aulas e que, coa intención de seguir na mesma liña, vaise dar un paso máis coa posta en marcha do Programa Acompaña, polo que se incorporará a cen novos docentes de apoio. Para consolidar un sistema educativo igualitario e de calidade, ese cento de especialistas de reforzo vanse incorporar a outros tantos centros de ensino galego a partir deste venres para ofrecer atención directa ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. A iniciativa conta cunha inversión de 2,25 millóns de euros e beneficiará os alumnos de Educación Infantil e dos dous primeiros ciclos de Primaria. 

Ensino de calidade en Ames

Ofrecer un ensino de calidade implica dotar os centros de persoal cualificado e suficiente e dunhas infraestruturas modernas e eficientes. Eses dous obxectivos son os que levaron á Xunta a destinar unha inversión duns 13,2 millóns de euros nos vindeiros anos en Ames, un dos concellos galegos nos que máis está a medrar a poboación. Por unha banda, coa construción do novo CEIP Milladoiro (9,7 M€) e por outra, coa ampliación do CEIP Agro do Muíño (3,4 M€). 

O presidente da Xunta achegouse hoxe a Ames para, precisamente, dar a coñecer o proxecto do novo CEIP Milladoiro, que vai dispoñer dun dos maiores investimentos da Consellería de Educación nunhas instalacións que permitirán acoller 450 alumnos e atender así as necesidades educativas dunha poboación en aumento. 

O novo centro será, ademais, o primeiro construído en base ás pautas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, posto en marcha no ano 2021 coa intención de crear espazos educativos máis abertos, flexibles, sustentables, intelixentes e integrados na contorna.  

Alfonso Rueda recordou que o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica conta cun orzamento de 191 millóns que permitirá mellorar no futuro catro de cada dez centros educativos galegos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/02/2023