A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade avanza que o inicio desta obra é o primeiro paso para construír o grande eixe de mobilidade sostible entre Marín e Pontevedra ao que a Xunta destinará 9 M€

Ethel Vázquez avanza que a Xunta rematará a finais de ano a transformación da estrada PO-546 en Estribela nunha rúa segura e con protagonismo dos peóns, grazas a un investimento de case 950.000 €

Vázquez Mourelle indica que estes traballos transformarán de xeito integral un treito de 500 metros da vía, ampliando as beirarrúas ata un mínimo de 2 metros, favorecendo a mobilidade peonil e a accesibilidade

Para facer compatible a humanización co dobre sentido de circulación, amplíase a plataforma da vía con distintas estruturas, para o que xa se está coa demolición das edificacións en ruínas

A conselleira destaca que para o calmado de tráfico e o reforzo da seguridade se prevé a instalación de 2 pasos de peóns sobreelevados con iluminación específica e sistema intelixente de detección, así como a mellora das paradas de autobús

Subliña que as obras na PO-546 terán continuidade para conformar un eixe de mobilidade sostible na estrada vella de Marín, cun investimento total de preto de 9 M€

Pontevedra, 7 de febreiro de 2023 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta rematará a finais deste ano a transformación da PO-546 en Estribela, no concello de Pontevedra, nunha rúa máis segura e con protagonismo dos peóns, grazas a un investimento de case 950.000 euros.

 

Vázquez Mourelle supervisou hoxe as obras de reforma que están a comezar nesta vía autonómica, a estrada vella de Marín, que contan cun prazo de execución de 12 meses. A conselleira salientou que se trata dunha actuación completa e ambiciosa que se prevé executar, atendendo unha solicitude veciñal, co fin de reforzar a seguridade viaria e de favorecer os desprazamentos peonís, garantindo unha mobilidade máis segura na contorna.  

 

Esta transformación integral suporá a reurbanización do treito de 500 metros da PO-546 en Estribela, no que se modificará a sección transversal para ampliar as beirarrúas ata un ancho mínimo de 2 metros, asegurando a accesibilidade.

 

A conselleira destacou a dificultade de facer compatible a humanización da vía co mantemento do dobre sentido de circulación, tendo en conta o escaso espazo dispoñible, para o que será necesario ampliar a plataforma con estruturas de diferentes tipos: un voadizo, grandes recheos e un muro de contención, demolendo tamén edificacións en ruínas.

Ethel Vázquez precisou que agora mesmo se están a realizar escavacións na zona de inicio da actuación e no punto no que se prevé un muro de mampostería, onde se está escavando o terreo para preparar a cimentación e, ao mesmo tempo, se retiran as uralitas das edificacións en ruínas que se van demoler.

 

A conselleira destacou tamén as actuacións previstas para o calmado de tráfico e o reforzo da seguridade, coa instalación de 2 pasos de peóns sobreelevados, con iluminación específica e un sistema intelixente de detección. Ademais, apuntou, melloraranse as paradas de autobús, con novos refuxios que protexan aos pasaxeiros das inclemencias do tempo, e renovarase a iluminación.

 

Segundo sinalou Ethel Vázquez a intervención completarase cos traballos de fresado e estendido dunha nova capa de firme, o que garantirá unha maior comodidade na condución, así como coa reposición da drenaxe, servizos afectados e sinalización.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade remarcou que o obxectivo da Xunta é que a finais deste mesmo ano os veciños de Estribela dispoñan dunha PO-546 mellorada e renovada,  favorecendo unha mobilidade peonil segura e accesible.

 

A intervención contará con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia do programa Next Generation UE de mobilidade sostible.

 

Ethel Vázquez salientou que esta actuación é o primeiro paso para construír un grande eixe de mobilidade sostible entre Marín e Pontevedra a través da PO-546, garantindo unha mobilidade máis saudable, sostible e segura a pé ou en bicicleta.

 

Así, a actuación terá continuidade cunha intervención ao longo de 3,5 km da PO-546 entre Mollabao e Os Praceres, a través dun proxecto sometido actualmente a información pública que prevé un investimento próximo aos 6,6 M€; e seguirá cun novo treito entre Estribela e o límite con Marín, ademais da zona pendente de mellora da rúa Concepción Arenal dese concello, cuxos proxectos se atopan en fase de supervisión.

 

En total, afirmou, a Xunta vai a investir arredor de 9 M€ para conformar ese grande eixe de mobilidade segura e sustentable na PO-546, respondendo a unha vella demanda veciñal e garantindo un ámbito máis accesible e humanizado.

 

A estas actuacións sumarase a construción dun aparcadoiro de 71 prazas na zona de Lourizán, asociado á estrada PO-546, cuxo proxecto se atopa en información pública, e no que a Xunta investirá case 500.000 €.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2023