O presidente galego deu conta nas preguntas no Pleno do Parlamento das medidas que o Goberno autonómico propuxo esta mañá na Mesa Sectorial de Sanidade

Rueda anuncia un contrato estable de tres anos para todos os residentes de medicina familiar tan pronto rematen a súa especialidade

Adianta que o Sergas pretende convocar este mes máis de 400 prazas fixas sen oposición para lugares de difícil cobertura
 

Precisa que serán para médicos de familia, pediatras de atención primaria, facultativos en hospitais comarcais e profesionais de saúde mental
 

Comprométese a que os médicos de familia teñan axendas de 33 citas ordinarias, de 10 minutos cada unha, e sete espazos reservados para as urxencias
 

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego ofrecerá un contrato estable de tres anos para todos os residentes de medicina de familia tan pronto rematen a súa especialidade.

Durante a sesión de control no Parlamento de Galicia, Rueda adiantou que esta é unha das iniciativas que o Sergas lles propuxo esta mañá aos representantes da Mesa Sectorial de Sanidade, xunto á de convocar este mes de febreiro máis de 400 prazas fixas sen oposición para lugares de difícil cobertura. En concreto, precisou que irán dirixidas a cubrir postos de médicos de familia, pediatras de atención primaria, facultativos en hospitais comarcais e profesionais da saúde mental.
 

33 citas ordinarias ao día en atención primaria

A terceira proposta da Xunta á Mesa Sectorial de Sanidade da que deu conta Rueda é o compromiso de que os médicos de familia teñan axendas de 33 citas ordinarias, de 10 minutos cada unha, e 7 espazos reservados para as urxencias. “Cando haxa picos de demanda e deban atender a máis destas persoas, permitirase que se prolonguen as xornadas a cambio dunha remuneración adicional”, aclarou.

“Isto é facer medicina de calidade, falando cos profesionais”, defendeu Rueda sobre as propostas na Mesa Sectorial de Sanidade, á vez que insistiu no compromiso do Goberno galego de “seguir traballando en solucionar os problemas que ten o mellor tesouro desta comunidade autónoma, que é unha Sanidade pública de calidade”.
 

Rueda incidiu en que, desde a “autocrítica e humildade”, a Xunta está traballando en mellorar “eivas” que se detectan, pero tamén en consolidar aquelas actuacións que se están a facer  ben.

Neste senso, puxo en valor os datos do último Barómetro Sanitario do CIS, nos que se recolle que Galicia é “segunda comunidade que mellor valora a súa sanidade pública, 10 puntos máis que a media nacional” e nos que se puntúa ao Sergas “cun 6,58 sobre 10”, o que supón unha das notas máis altas de toda España. “Estas son as cousas que hai que seguir facendo e non imos aforrar melloras nin esforzos”, comprometeu o mandatario galego para concluír a súa intervención.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2023