A Xunta leva a exposición ‘El Camino de Santiago’ á Lexislatura da provincia de Córdoba

O secretario xeral da Emigración inaugurou esta mostra con fotografías de Manuel Valcárcel que permite achegar a Arxentina a experiencia da peregrinación a Compostela

A exposición foi promovida pola Delegación da Xunta en Arxentina

Córdoba (Arxentina), 07 de febreiro de 2023 O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inaugurou na tarde de onte a exposición fotográfica de Manuel Valcárcel ‘El Camino de Santiago’ para acercar a experiencia da peregrinación a Compostela ata os arxentinos da provincia de Córdoba. A mostra foi promovida pola Delegación da Xunta en Arxentina.

A exposición, que conta con 16 fotografías e un audiovisual de apoio, atópase instalada na Lexislatura da provincia de Córdoba. No acto de inauguración estiveron tamén presentes o delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López Dobarro, así como o vicegobernador e presidente da Lexislatura, Manuel Calvo, o cónsul de España en Córdoba, Javier Ignacio Martínez del Barrio, así como diversas autoridades e representantes do CRE de Córdoba e dos distintos grupos parlamentarios.

Tal e como explicou Antonio Rodríguez Miranda, con esta mostra “tratamos de achegar a este país do Cono Sur a creatividade contemporánea vinculada á cultura xacobea, mostrando a grandiosidade da peregrinación a Compostela, onde se conxuga tanto a experiencia persoal, coa presenza constante da natureza e dos diferentes paisaxes, a gastronomía e os propios pobos e aldeas españolas polas que transita o Camiño”.

“El Camino de Santiago, una experiencia contemporánea de Peregrinación” é froito do traballo do fotógrafo Manuel Valcárcel, oriundo de Monforte de Lemos, un artista de espírito inquieto que realizou diferentes proxectos relativos á fotografía documental.

Esta mostra inaugurouse en Boston, en 2018, viaxando nos últimos anos por diferentes localidades tanto de países de América como de Europa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2023