A Xunta garante a continuidade da unidade de atención temperá de Cuntis, Moraña, Portas, Barro, Catoira e Caldas de Reis cunha achega de case 250.000 €

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, confirmou esta mañá o financiamento autonómico deste servizo ata o ano 2024 nunha visita ás súas instalacións no lugar cuntiense de Meira xunto aos alcaldes destes seis municipios do Umia

O representante autonómico salientou a importancia dunha unidade que atende semanalmente a máis de 60 cativos de ata seis anos desta bisbarra “e que demostrou o seu axeitado funcionamento no desenvolvemento dos nenos durante os últimos cinco anos”

“Hai unha década apenas había dúas unidades que atendían a 15 concellos en toda Galicia e, grazas a forte aposta social da Xunta, hoxe dispoñemos de 41 equipos, 11 deles na provincia, que chegan á veciñanza de máis de 200 concellos, o que demostra que fomentamos a igualdade de oportunidades e achegamos os servizos ao rural”, manifestou o representante autonómico

Cuntis (Pontevedra), 8 de febreiro de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, vén de garantir a continuidade da unidade de atención temperá da bisbarra do Umia, que atende ás familias dos concellos de Cuntis, Moraña, Portas, Barro, Catoira e Caldas de Reis, cunha achega de 246.118 euros. Deste xeito, este servizo, orientado a favorecer o desenvolvemento de cativos de ata seis anos con dificultades, manterase operativo alomenos dous anos máis, ata finais de 2024.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, confirmou esta mañá o financiamento autonómico que garante o futuro desta unidade tras cinco anos en funcionamento nunha visita ás súas instalacións, emprazadas no lugar cuntiense de Meira, nas inmediacións do parque empresarial da Ran. No acto estivo acompañado polos alcaldes dos seis concellos, Manuel Campos, José Cela, Ricardo Martínez, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Alberto García e Juan Manuel Rey, por varios concelleiros de Servizos Sociais e por persoal técnico de Cuntis e Portas.

“Esta unidade fai un gran traballo dende o ano 2018, atendendo semanalmente a uns 60 cativos desta bisbarra con problemas de desenvolvemento grazas a grandes profesionais da psicopedagoxía, a fisioterapia e a logopedia, polo que creo que a súa continuidade era máis que merecida e necesaria e por iso dende a Xunta apostamos polo seu financiamento e ademais o facemos de xeito plurianual, que era unha atinada demanda de moitos destes servizos de toda Galicia para poder realizar mellor este traballo”, manifestou o representante autonómico.

Luis López tamén lembrou o despregamento realizado pola Consellería de Política Social e Xuventude para ampliar estas unidades por todo o territorio co obxectivo de “achegar os servizos públicos a todos os galegos e favorecer a igualdade de oportunidades equilibrando as prestacións nos ámbitos rural e urbano”. Deste xeito, a unidade de Cuntis, pola súa posición de centralidade xeográfica, permite que os cativos desta bisbarra poidan acceder á mesma nunha isócrona de entre 15 e 20 minutos como máximo.

“Hai algo máis dunha década apenas había dúas unidades de atención temperá en toda Galicia que atendían a quince concellos e, grazas á forte aposta social da Xunta, hoxe dispoñemos de 41 unidades, 11 delas na provincia de Pontevedra, que chegan a máis de 200 concellos cun investimento de 10,3 millóns de euros, o que fomenta a igualdade, xa que con estes servizos agardamos atender cada ano a uns 5.000 nenos e nenas con problemas de desenvolvemento”, detallou o delegado territorial.

As once unidades da provincia de Pontevedra contarán con 37 traballadores grazas a un orzamento de 2,6 millóns de euros e estarán operativas, ademais de nos seis concellos do Umia, en Oia, Tui, O Rosal, A Guarda, Tomiño, Nigrán, Bueu, Mos, O Porriño, A Estrada, Arbo, Salceda de Caselas, Crecente, Cangas do Morrazo, A Cañiza, Mondariz, Mondariz-Balneario, Covelo, Salvaterra do Miño e As Neves.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2023