Galicia e Castela e León exixen ao Goberno de España información sobre a afección do contrato fallido de Renfe á renovación dos seus trens de ancho métrico

Ambos os gobernos autonómicos dirixíronse á secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para solicitar información sobre o estado de execución do contrato e os prazos de entrega previstos


 Requiren participar en todas aquelas reunións que se convoquen desde o Ministerio para informar sobre este asunto, xunto co resto de Comunidades Autónomas que contan con este servizo


A Xunta lembra que Renfe comprometeu en 2018 un plan de actuación para mellorar a calidade do servizo ferroviario entre Ferrol e Ribadeo, onde o material rodante é causante da maioría das incidencias e precisa ser modernizado
 

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023 A Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León exixen ao Goberno de España que lles proporcione información sobre a afección que o contrato fallido de Renfe terá sobre a renovación da frota de trens de ancho métrico que operan en ambas as dúas comunidades.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade do Goberno galego, Ethel Vázquez Mourelle, e a conselleira de Mobilidade e Transformación Dixital de Castela e León, María González Corral, dirixíronse hoxe á secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, para trasladarlle a súa preocupación ante a gravidade das novas relacionadas co retraso que suporá o erro do Ministerio na licitación para o subministro de trens de ancho métrico e alpinos.

 

As representantes dos Gobernos autonómicos requiren, nas súas respectivas cartas, que se lles informe cumpridamente sobre o estado de execución dese contrato, especialmente no relativo a prazos de entrega dos trens fallidos e pagos efectuados con cargo a fondos públicos, e que lles sexa accesible todo o expediente de contratación tramitado e adxudicado polo Consello de Administración de Renfe.

 

Ademais, ante a falta de información e remitíndose ao anuncio do 29 de xuño de 2020, no que se comunicaba que  Renfe adxudicaba a CAF a compra de 31 trens de ancho métrico e 6 alpinos por 258 millóns de euros, en cuxo texto se detallaba que se adquirían 26 trens eléctricos e 5 híbridos (que poderían utilizarse en Galicia e Castela e León) e que mesmo se podería chegar a adquirir outro más, reiteran que se lles informe, á maior brevidade posible, sobre o destino previsto para os trens obxecto do contrato e, en concreto, do número de unidades que se previa destinar a Galicia e Castela e León.

 
 
 
 

Como se pode comprobar, na información recollíase expresamente que a frota de ‘ancho métrico’, daría servizo en Asturias, Cantabria, País Vasco, Galicia, Castela e León e Murcia. Por iso, piden que se inclúa expresamente a renovación dos trens que circulan polos seus respectivos territorios, para que todos os viaxeiros  usuarios destes servizos ferroviarios no norte do país poidan facelo nas mesmas condicións.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, lembra que Renfe comprometeu en 2018 un plan de actuación para mellorar a calidade do servizo ferroviario entre Ferrol e Ribadeo, onde o material rodante é causante da maioría das incidencias e precisa ser modernizado.

 

Do mesmo xeito, as dúas conselleiras constatan o seu interese en participar en todas aquelas reunións que se convoquen desde o Ministerio para informar sobre este tema xunto co resto de Comunidades Autónomas que contan con este servizo.

 

Por outra banda, tanto Ethel Vázquez como María González Corral exixen que o Ministerio aclare cando tivo coñecemento desta situación e que medias adoptou desde entón, así como as que vai tomar a partir de agora.

Data de actualización: 08/02/2023