A Xunta informa en Arbo e O Rosal das medidas fronte á Flavescencia Dourada da vide

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros reuniuse con viticultores e demais interesados sobre as medidas dentro da zona demarcada de 2,5 km coa fronteira con Portugal, onde se detectara a doenza con anterioridade

Arbo (Pontevedra), 8 de febreiro de 2023

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse hoxe con viticultores e demais interesados en Arbo e O Rosal para informalos das medidas de apoio que adopta a Xunta para facer fronte á Flavescencia Dourada da vide.  

Provocada polo organismo Grapevine flavescence dorée phytoplasma e transmitido por un insecto vector (Scaphoideus titanus), detectouse a súa presenza en plantas illadas nos concellos de Arbo, Crecente e As Neves. Todos eles forman parte da zona demarcada de Flavescencia Dourada de 2,5 quilómetros con respecto á fronteira con Portugal, onde se detectara a doenza con anterioridade. Con todo, a zona demarcada onde se adoptan medidas en Galicia esténdese tamén a parcelas da Cañiza, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tui e Tomiño.  

Así, recordouse que dentro da zona demarcada os titulares das parcelas nas que se detecte a presenza de plantas infestadas ou insectos vectores das enfermidades deberán aplicar o antes posible un tratamento insecticida autorizado a todas as plantas. As plantas infestadas deberán ser arrincadas e destruídas baixo control oficial o antes posible. O máis recomendable é que esta destrución se realice in situ. Se non é posible, deberá realizarse nun rodal próximo, por incineración ou por algún outro método autorizado.

 Ademais, no caso de que a parcela afectada teña máis dun 20% de plantas sintomáticas, deberán arrincarse e destruírse todas as plantas da parcela no caso de que as plantas afectadas non estean agrupadas. Acontece o mesmo no caso de zonas abandonadas.  

No relativo aos viveiros e outros operadores profesionais dentro das zonas infestadas, terán que inmobilizar de xeito cautelar o material de vide (Vitis spp.) ata a súa inspección oficial. A maiores, deberán aplicar un tratamento insecticida autorizado e destruír todos os lotes infectados seguindo un procedemento específico. No caso de ter plantas ou lotes sospeitosos de portar a enfermidade pero que non detecten síntomas tamén deberán ser eliminadas.

 Así mesmo, tamén cómpre arrincar e destruír todas as plantacións abandonadas das zonas demarcadas, así como eliminar as plantas silvestres do xénero Vitis spp. e aquelas que poidan ser portadoras da enfermidade, entre outras medidas preventivas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2023