Diego Calvo incide na necesidade da implicación das entidades locais na cooperación internacional e en traballar a prol de acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes sinalou hoxe durante a clausura do ‘II Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional ao Desenvolvemento’ o apoio da Xunta ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para avanzar na implantación da Axenda 2030 das Nacións Unidas
A Xunta colabora co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade con 60.000 euros no proxecto ‘A Axenda 2030, un reto local nun mundo de transformación’
Lugo, 8 de febreiro de 2023
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, clausurou esta tarde no vello cárcere de Lugo o II Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional ao Desenvolvemento, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e que conta con colaboración da Xunta. Na súa intervención, destacou que as entidades locais xogan un papel clave en que a cooperación sexa eficaz a nivel municipal, por tratarse das administracións máis próximas á cidadanía.
Polo tanto, tal como sinalou, a política local será fundamental para avanzar cara a un mundo máis xusto e igualitario precisamente pola súa proximidade á cidadanía e, por este motivo, a súa maior capacidade para difundir o espírito da Axenda 2030 das Nacións Unidas e traballar na consecución dos Obxectivos ao Desenvolvemento Sostible.
Trátase dun foro no que se trataron asuntos como o impacto da cooperación municipalista nos países do sur, a implantación da Axenda 2030 a nivel local ou o novo marco legal que afecta ás administracións locais neste ámbito.
A Xunta colabora precisamente co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na execución do proxecto A Axenda 2030, un reto local nun mundo de transformación, cunha achega de 60.000 euros. A través deste acordo, o Goberno galego contribúe a promover a implicación dos concellos galegos e das deputacións no cumprimento dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030.
Este proxecto lévase a cabo no marco da colaboración que a Xunta e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade manteñen desde o ano 2000 no ámbito da sensibilización e educación para o desenvolvemento. Esta entidade agrupa case un cento de concellos da comunidade e as deputacións provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra, que teñen como compromiso común a cooperación cos terceiros países desde as entidades locais.
O vicepresidente segundo defendeu o traballo do conxunto da sociedade galega para seguir avanzado na consecución dos 17 ODS que fixa a Axenda 2030 para manterse á vangarda da sustentabilidade. Deste xeito, Galicia ten en marcha ferramentas como a Estratexia de economía circular 2030, que establece como principios básicos para a transición cara a este modelo económico a redución, reutilización e reciclaxe; e a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, que ten como meta alcanzar a neutralidade climática. Son medidas nas que a colaboración e compromiso do tecido empresarial será determinante para seguir construíndo unha Galicia máis sustentable, máis innovadora e máis verde.
A Axenda 2030, aprobada en 2015 pola ONU, é un plan de acción en favor das persoas, o planeta e a prosperidade, que quere fortalecer a paz universal e que fixa os obxectivos que se deben alcanzar antes do ano 2030 para, por exemplo, poñer fin á pobreza, loitar contra a desigualdade e facer fronte ao cambio climático.
Aposta pola colaboración entre administracións
Diego Calvo tamén fixo fincapé nos retos do municipalismo galego de cara a acadar os ODS en 2030, entre elas a colaboración financeira entre administracións. Nesta liña, lembrou que para contribuír a este obxectivo a Xunta destinará este ano máis de 564M€ aos concellos galegos. Nesa contía inclúense os 143,4M€ do Fondo de Cooperación Local co que se trata de compensar o desfase que ocasionan as particularidades dos municipios galegos como son a demografía ou a dispersión xeográfica. Por iso, o Goberno galego vén reclamando ao Executivo estatal a definición dun novo modelo de financiación autonómica que teña en conta as particularidades de cada territorio.
Tamén mencionou como outros retos nos que vén traballando a Xunta nos últimos anos o fomento de fórmulas de cooperación municipal e da xestión compartida de servizos para ser máis eficientes; o reto demográfico abordado a través da pioneira Lei de impulso demográfico con medidas a prol da familia e dos servizos no rural nos concellos de menor poboación; a clarificación das competencias entre a administración local e a autonómica da que o Goberno galego xa deu o primeiro paso coa presentación do estudo elaborado pola USC; ou a necesidade da reforma da normativa do réxime local da que a Xunta está a dar os primeiros pasos no marco dun acordo coa Universidade de Vigo e a Red Localis para dar resposta aos desafíos da sociedade actual.