A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, interveu esta tarde no Parlamento de Galicia
Un total de 135.154 galegos menores de 21 anos teñen a tarxeta xente nova, coa que realizaron o pasado ano 5 millóns de viaxes gratis nos autobuses autonómicos
Vázquez Mourelle subliña que se pechou o exercicio pasado coa cifra máis alta de bonificacións desde a posta en marcha da tarxeta, sumando máis de 6,3 M€
Remarca que o ano pasado tamén se acadou unha cifra récord de viaxes con este dispositivo, 616.159 só no mes de novembro
Pon en valor o aforro económico para os mozos que empregan esta tarxeta e para as súas familias, que poden roldar os 2.000€ ao ano
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023 Un total de 135.154 galegos menores de 21 anos dispoñen da tarxeta Xente Nova, coa que o pasado ano 2022 realizaron 5 millóns de viaxes gratis nos autobuses interurbanos, de competencia autonómica.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde subliñou que se pechou o exercicio pasado coa cifra máis alta de bonificacións desde a posta en marcha desta iniciativa social, sumando máis de 6,3 M€.
Remarcou que o ano pasado tamén se acadou unha cifra récord de viaxes con este dispositivo, 616.159 só no mes de novembro.
Detallou que, grazas á tarxeta Xente Nova da Xunta, o número de viaxes no autobús interurbano medrou un 62% con respecto ao ano 2021.
Fixo fincapé en que esta iniciativa está a cumprir os seus obxectivos para os que foi concibida, que son fomentar o uso do transporte público entre os mozos, potenciar a mobilidade sustentable e axudar ás familias a reducir gastos.
Ethel Vázquez tamén puxo en valor o aforro económico que están a experimentar os usuarios da tarxeta e as súas familias, que poden roldar os 2.000 euros ao ano.
Así, puxo como exemplo un rapaz de Monforte que vaia a estudar a Lugo cada día durante o curso, que aforrará preto de 1.700€ ao ano empregando a tarxeta Xente Nova da Xunta.
Avanzou que o Goberno galego está a traballar para que os usuarios poidan levar a tarxeta directamente no teléfono móbil, o que lles permitirá esquecerse das recargas.
Enmarcou esta medida na aposta da Xunta polo transporte público, ao que destina este ano un orzamento de 90 M€, dos que 7,2 M€ se dirixen a cubrir as bonificacións derivadas do emprego da tarxeta Xente Nova.
Novamente, a conselleira convidou aos concellos que teñen servizo de transporte urbano a implantar nos autobuses urbanos, da súa competencia, unha medida similar á que aplica a Xunta para garantir tamén a gratuidade aos menores de 21 anos nese transporte.