A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático inaugurou hoxe a xornada Economía circular en Galicia do Club de Excelencia en Sostibilidade

A Xunta avoga por levar o concepto de economía circular máis alá dos residuos e avanza no primeiro manual de contratación ecolóxica de Galicia

Sagrario Pérez salienta a oportunidade que ofrecen os fondos europeos para investir en proxectos clave para superar o modelo económico lineal e incide na importancia de que todas as administracións sumen esforzos co fin de reducir a produción de residuos

Vigo, 23 de febreiro de 2023 A Xunta defendeu hoxe a necesidade de impulsar a economía circular máis alá do eido dos residuos, promovendo actuacións de carácter transversal e que incidan sobre todo na orixe do problema e nas medidas de prevención para acadar unha transformación real do actual modelo económico.

Así o expuxo esta mañá a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, durante a inauguración dunha xornada organizada polo Club de Excelencia en Sostibilidade co fin de abordar as estratexias públicas e privadas que se están a desenvolver nesta materia na Comunidade.

Tras precisar que o concepto de economía circular é sumamente amplo e non pode abordarse só desde unha perspectiva medioambiental, a directora xeral avanzou que o Goberno galego avanza xa “na fase final da tramitación do seu Manual de contratación ecolóxica”, o primeiro deste tipo que se impulsa na Comunidade co obxectivo de introducir criterios de sostibilidade nos contratos públicos.

Na mesma liña, Sagrario Pérez referiuse a outros avances e iniciativas importantes impulsadas pola Xunta nos últimos anos, como a aprobación da Estratexia galega de economía circular 2020-2030 ou as leis aprobadas na Comunidade desde entón e elaboradas xa desde unha perspectiva circular, como é o caso da Lei de residuos e solos contaminados de 2021 ou a máis recente Lei de áreas empresariais, en vigor desde o pasado mes de novembro.

Do mesmo xeito, salientou a oportunidade única que ofrecen os fondos europeos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para impulsar proxectos clave e ambiciosos que contribúan a superar o actual modelo económico lineal.

En todo caso e tras lamentar que a capacidade de actuación dos gobernos rexionais é limitada, sobre todo á hora de intervir en determinados eixos clave, a directora xeral aproveitou a xornada Economía circular en Galicia para avogar por sumar esforzos entre as distintas administracións con competencias na materia e avanzar xuntos no “apoio ao ecodeseño e aos estudos sobre o ciclo de vida” dos produtos como a única vía efectiva para lograr un cambio de modelo e a redución da produción de residuos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2023