A Xunta ten mobilizado o 100 % dos 1.122 M€ dos fondos europeos recibidos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia
Rueda denuncia retrasos “sen moita razón” da partida asignada a Galicia, xa que o Executivo central aínda non transferiu 144 M€ do global comprometido
Destaca que a Xunta xa destinou a concellos o 93 % destes fondos recibidos, que contrapón co 43% destinado a entidades locais por parte do Goberno de España
Pide ao Executivo de Pedro Sánchez a “mesma axilidade” ca Xunta para que cheguen a Galicia as partidas que precisan os proxectos tractores galegos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que o Goberno galego ten mobilizados “o 100 %” dos 1.122 millóns de euros recibidos ata o de agora dos fondo europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR). No entanto, advertiu de que a Galicia fáltanlle aínda 144 millóns dos 1.266 millóns de euros que ten asignados. “Porque asignar non quere dicir recibir”, apuntou a este respecto, ao tempo que lamentou que o 40 por cento do achegado á comunidade foi nos últimos seis meses.
Demanda da mesma axilidade ao Goberno central
Estes datos amosan -segundo subliñou o presidente galego- que o Goberno galego “segue sendo áxil”. “E isto dános dereito a pedir a mesma axilidade”, en referencia aos fondos europeos e que defendeu que o Goberno central ten que pór á disposición dos proxectos tractores galegos. Neste senso, denunciou que, ata agora, Galicia “só recibiu o 3,5 % da axuda comprometida nos PERTE”.
Por estes motivos, considerou “especialmente oportuno” que coincidise o informe sobre a execución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia presentado hoxe ao Consello da Xunta coa visita da comisión do Parlamento europeo para examinar a xestión destes fondos. “Agardo cambios e que se axilicen”, defendeu en referencia a trámites “farragosos” e excesivamente “burocráticos”, ao tempo que insistiu na necesidade de “descentralización” para que estes “recursos cheguen canto antes”. “Aínda estamos a tempo, pero cada vez queda menos”, advertiu.