O conselleiro de Educación visita o colexio do Foxo, na Estrada, un referente na posta en marcha de iniciativas escolares que fomentan a perspectiva de xénero

A Xunta reforza a aposta pola igualdade desde as aulas con dous novos proxectos educativos vinculados á figura de Emilia Pardo Bazán e ao cinema

Román Rodríguez destaca o “salto cualitativo” da última década en materia de igualdade no eido educativo, como se reflicte nos resultados do último informe PISA

O estudo sitúa o alumnado galego como o máis concienciado neste ámbito cun 93,6 % de estudantes que afirma coñecer o tema e estar familiarizado con el

Ponse a disposición dos centros o xogo ‘A condesa rebelde’, co que os rapaces descubrirán os logros da escritora, os seus momentos de superación, rebelión e éxito

En ‘Cinema con perspectiva’ inclúese a proxección de curtametraxes e obradoiros sobre a figura feminina a través da gran pantalla

A Estrada (Pontevedra), 6 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia lanza dúas novas ferramentas educativas vinculadas ao cinema e á figura de Emilia Pardo Bazán para traballar a igualdade e a perspectiva de xénero. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita ao colexio CEIP do Foxo, da Estrada, un centro moi activo na posta en marcha de iniciativas escolares neste ámbito a través de pezas teatrais, cine, espectáculos de maxia, contos tradicionais e investigacións de campo sobre mulleres pioneiras da contorna estradense.

Román Rodríguez explicou que, aínda que esta é a semana da igualdade, esta “hai que sementala e regala cada día desde todos os ámbitos” e no caso do sistema educativo galego “temos unha carreira de fondo cun salto cualitativo na última década”.

Proba disto, tal e como sinalou, son os últimos datos coñecidos polo informe PISA que sitúan ao alumnado galego como o máis concienciado coa igualdade entre homes e mulleres cun 93,6 % de estudantes que afirma coñecer o tema e estar familiarizado con el.

Amplo abano de programas educativos específicos

Neste senso, o conselleiro referiuse a que Galicia conta cun marco legal propio “sólido” e cunha Estratexia Galega de Convivencia que é a folla de ruta da que parten as iniciativas neste eido que abranguen aspectos como a formación do profesorado, as bibliotecas escolares os Contratos-Programa, o Plan Proxecta ou a incorporación aos currículos educativos de todas as etapas cun enfoque transversal da igualdade de xénero.

Por exemplo, ao abeiro dos Contratos-Programa, no presente curso hai preto de 6.000 docentes e 400 centros que están traballando en accións de fomento da coeducación, a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a detección e o tratamento das violencias machistas e a promoción do respecto pola diversidade afectivo-sexual e de xénero.

No caso do Plan Proxecta, hai 161 centros educativos implicados en programas como Donas de si, Por 365 días de respecto e igualdade, Quérote+, Galicons-net (de consumo e xénero), De Ítaca a Ávalon, Rapazas emprendedoras nas TIC e Xente de Don

Tendo en conta que tanto o cinema como a literatura son ferramentas “moi idóneas para conectar cos rapaces”, segundo sinalou o conselleiro, a Consellería de Educación poñe a disposición dos centros tamén dúas novas accións que son Mulleres da man de Emilia Pardo Bazán e Cinema con perspectiva.

Aventura educativa a modo de viaxe

A primeira delas, Mulleres da man de Emilia Pardo Bazán, ten como obxectivo achegar referentes femininos aos alumnos de Primaria a través da figura da escritora coruñesa.

Isto faise a través do xogo A condesa rebelde, configurado como unha aventura educativa a modo de viaxe desde a súa Galicia natal, no que os alumnos descubrirán os logros da escritora na loita pola igualdade, marcados por momentos de superación, rebelión e éxito. Ademais, os centros terán acceso á plataforma Minervas, con información bibliográfica, editorial e audiovisual de máis de 300 mulleres referentes nos seus campos.

Audiovisuais con temática en igualdade de xénero

No caso de Cinema con perspectiva -dirixida a alumnos de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO- inclúe a proxección de curtametraxes con temática en igualdade de xénero, adaptados a cada etapa educativa.

Así mesmo, tamén se ofrece un obradoiro para que os rapaces poidan crear unha sinxela produción audiovisual propia. Nesta primeira convocatoria, seleccionaranse ata 30 centros para participar na proxección de curtametraxes e dez para os obradoiros.

Enquisa de convivencia e Estratexia de Inclusión

Ao abeiro da devandita estratexia a Consellería está traballando noutras accións como o lanzamento o vindeiro mes de abril da cuarta Enquisa de convivencia para testar o clima nas aulas, nunha guía de pautas de sensibilización contra a violencia de xénero co obxectivo de favorecer que os centros identifiquen e saiban actuar ante situacións deste tipo e en actuacións específicas para rachar cos estereotipos de xénero no eido da Formación Profesional.

Tamén se está ultimando a Estratexia Galega de Inclusión onde se reforzará a oferta formativa do profesorado no eido da coeducación e a igualdade de xénero e a orientación vocacional desde idades temperás para favorecer a igualdade de oportunidades entre sexos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2023