A Xunta adxudica as obras da primeira fase da humanización da avenida de Galicia cun investimento de case 1,3 millóns

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destaca o “compromiso firme” do Goberno galego co barrio de Teis

O proxecto comprende a mellora e ampliación das beirarrúas en ambas as marxes, así como a execución dunha glorieta

A previsión é iniciar os traballos na segunda quincena de abril cun prazo de execución de 12 meses

Vigo, 7 de marzo de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou o contrato para as obras da primeira fase de humanización da avenida de Galicia (PO-323) no termo municipal de Vigo por importe de 1,26 millóns de euros. As obras foron adxudicadas á empresa Marconsa, Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa, S.L.

 

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou que a Xunta busca fomentar a mobilidade sostible nesta vía de entrada á cidade, a través de actuacións de acougado do tráfico rodado e mellora dos itinerarios peonís. Así, indicou que esta primeira fase do proxecto de reforma deste tramo da vía autonómica ten en conta puntos singulares como os cruces coas vías que dan acceso ao centro de saúde e á ETEA.

 

Fernández-Tapias sinalou que esta actuación “é unha proba máis do compromiso firme” do Goberno galego co barrio vigués de Teis. “A reforma da avenida de Galicia xa está en marcha, así como os servizos que os veciños reclamaban, pero o Concello aínda non puxo á nosa disposición os terreos para urbanizar os vieiros da ETEA que permitan construír a nova residencia de maiores”, indicou.

 

Deseño na Avenida de Galicia

O deseño definido polo departamento de Infraestruturas da Xunta para a avenida de Galicia busca coordinar a súa execución co desenvolvemento efectivo do Campus do Mar na antiga ETEA. A Xunta prevé iniciar os traballos, que teñen un prazo de execución de 12 meses, na segunda quincena do vindeiro mes de abril.

 

Ampliación de beirarrúas

Esta obra da Xunta PO-323 comprende a mellora e ampliación das beirarrúas en ambas as marxes do treito de actuación, de modo que sexan máis continuas e accesibles, así como a execución dunha glorieta na intersección entre a avenida de Galicia (PO-323) e a avenida da Mariña Española, pola que se accede á ETEA. As obras incluirán a recolocación das marquesiñas, a instalación dunha varanda modular e a reposición do muro de peche existente, co fin de mellorar visualmente a integración da actuación na zona do Camiño Portugués.

 

Novo aparcadoiro

A nova zona de aparcadoiro situarase na parcela contigua ao IES de Teis, ao non ser viable a situación inicialmente prevista enfronte do centro de saúde, e manteranse as prazas de aparcadoiro actuais, na avenida de Galicia, entre os números 104-120 e nos números 67-69, que inicialmente se suprimían.

 

Segunda fase

O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé finalizar a actuación cunha segunda fase que complete a mellora da estrada no termo municipal de Vigo, ata o límite municipal con Redondela, e cuxo proxecto xa foi aprobado esta semana no Consello da Xunta cun investimento de 4,1 millóns de euros.

Data de actualización: 07/03/2023