A Xunta reactiva o Programa Integrado de Emprego de Tui para outorgar oportunidades laborais a 100 desempregados cun obxectivo de inserción do 45 %

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá, xunto ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, as actividades desta iniciativa laboral, na que a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade inviste 250.000€

Este programa, que leva en marcha dende febreiro e se prolongará durante doce meses, pretende mellorar a empregabilidade dos participantes con itinerarios profesionais, cursos de formación con máis de 1.000 horas de carga lectiva e mellora das habilidades sociolaborais

O representante autonómico destacou a aposta da Xunta pola xeración de emprego en Tui, xa que este PIE é o terceiro concedido nos últimos catro anos, e convidou aos alumnos a “aproveitar esta formación para ter as maiores oportunidades no mercado laboral”

Tui, 7 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vén de reactivar o Programa Integrado de Emprego (PIE) do Concello de Tui cun investimento de 250.000 euros e que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade e as oportunidades laborais dun cento de persoas desempregadas cun obxectivo final de inserción mínima do 45%.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá as actividades desta iniciativa laboral tras o seu primeiro mes de funcionamento xunto ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e outros representantes municipais, e animou aos participantes a “aproveitar esta formación de gran calidade e funcionalidade, xa que está orientada exclusivamente á consecución dun emprego, para ter as maiores oportunidades no mercado laboral”.

“Hai unha aposta decidida da Xunta de Galicia pola xeración de emprego en Tui e toda a súa contorna, xa que se trata do terceiro Programa Integrado de Emprego concedido nos últimos catro anos, algo que se debe tanto á calidade dos proxectos presentados polo Concello e os resultados obtidos como ao noso compromiso cos veciños deste municipio para que teñan as maiores facilidades para acadar un traballo”, salientou o representante autonómico, que engadiu que o PIE prolongarase, como é habitual, durante doce meses.

Este novo Programa Integrado de Emprego, que conta coa participación e colaboración de empresas da zona para favorecer as condicións formativas, manterá a mesma dinámica e formato de anos anteriores e centrará a mellora da empregabilidade na realización de itinerarios curriculares, fomento do emprendemento, accións de potenciación das habilidades profesionais, outras medidas sociolaborais e cursos de formación, que nesta ocasión alcanzarán en conxunto as 1.000 horas de carga lectiva e estarán adaptados ás maiores necesidades do mercado de traballo. Así, impartiranse cuestións relacionadas cos labores de almacén, produción, comercio, turismo, alimentación ou limpeza industrial, entre outras.

“Dende a Xunta de Galicia estamos a despregar unha intensa actividade en torno ao emprego e a formación, xa que é un dos eixos principais da nosa acción de goberno, e actuamos con especial intensidade na bisbarra do Baixo Miño, que rolda os 50.000 habitantes. Por iso, e con este novo Programa Integrado de Emprego, na actualidade estamos a formar a 440 persoas desempregadas da zona cun investimento de 2,25 millóns de euros, xa que tamén están en marcha dous obradoiros de emprego na Guarda e Tui e vinte cursos AFD de Formación para Desempregados”, concluíu o representante autonómico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2023