A Xunta inviste 128.400 euros na mellora da cuberta do centro de formación e experimentación agroforestal de Becerreá

O delegado territorial, Javier Arias, visitou o centro, que conta con 62 alumnos matriculados en dous ciclos de FP e destaca pola ampla oferta de formación continua, na que participaron case 500 persoas o pasado ano

Becerreá (Lugo), 9 de marzo de 2023
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural está a realizar obras de mellora no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Alta Montaña de Becerreá, que xestiona a Axencia Galega da Calidade Alimentaria. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dos traballos, que consisten na reparación da parte da cuberta de lousa situada sobre os despachos e o comedor; contan cun investimento de 128.400 euros e están executados nun 70%.

 

Arias subliñou “a calidade e a especialización do centro”, que suma 62 alumnos e alumnas matriculados en dous ciclos de Formación Profesional: o de grao medio de Técnico en Aproveitamento e de Conservación do Medio Natural, e o de grao superior de Técnico en Xestión Forestal e do Medio Natural.

 

Así mesmo, destaca pola ampla oferta de formación continua para profesionais do sector agropecuario. Ao longo do pasado ano promoveron 33 cursos cun importe total de 90.200 euros nos que participaron 485 persoas, relativos á apicultura, micoloxía, silvicultura, reprodución no gando vacún, seguridade no manexo de maquinaria ou aplicacións cartográficas en teléfono móbil para o ámbito agroforestal, entre outros.

 

A formación impartida no CFEA de Becerreá ten unha compoñente altamente práctica, o que contribúe a que o persoal formado acade un grao de destreza que o fai especialmente apto para a entrada inmediata no mundo laboral. 

 
Dotacións e medios

O complexo educativo dispón dunha superficie de 75 hectáreas con masas forestais de diferentes especies, campos de voo de cría de perdices, campos de ensaio de castiñeiros e maceiras, así como un viveiro forestal.

 

Tamén hai unha explotación de gando vacún, equino e apícola, e un amplo parque de maquinaria forestal (tractores, rozadoiras, motoserras...), así como talleres para a realización das prácticas, onde se consolidan os coñecementos teóricos adquiridos nas aulas.

Ademais, o alumnado realiza frecuentes saídas -oito no pasado curso- como complemento ás prácticas, que lles permiten coñecer outros espazos naturais, viveiros, empresas ou os propios centros de investigación da Consellería do Medio Rural.

 

Javier Arias subliñou que o complexo “pon a disposición do sector primario unha     formación de excelencia, que cada vez demandan máis os novos profesionais e que contribúe a impulsar a competitividade das explotacións agrarias, gandeiras e forestais da provincia, coa calidade como factor diferenciador”.

 

Destacou que dos seis centros de formación agroforestal da Consellería do Medio Rural, tres están na provincia, xa que se suman ao de Becerreá o Pedro Murias de Ribadeo e o de Monforte de Lemos, “cada un especializado conforme ás características da zona para aproveitar os recursos do lugar”.

 
 
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/03/2023