A Xunta activa o convenio con Farmamundi para atender a poboación afectada por un brote de cólera en Haití

Destínanse 8.000 euros a fortalecer a prevención da enfermidade e á mellora das condicións de vida de 300 persoas
 

Desenvolveranse sesións de diálogo comunitario e distribuiranse kits de hixiene e alimentación
 

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2023

A Xunta activou o convenio con Farmamundi para a posta en marcha dunha intervención sociosanitaria de emerxencia dirixida a apoiar a poboación máis afectada polo brote de cólera nos departamentos de Artibonite e Central de Haití. A través desta iniciativa destinaranse 8.000 euros para fortalecer a prevención do cólera e contribuír así á mellora das condicións de vida de 60 unidades de convivencia que suman 300 persoas, máis da metade delas mulleres.

O proxecto levarase a cabo coa organización Movemento Socio Cultural dos Traballadores Haitianos (MOSCTHA), socio local de Farmacéuticos Mundi (Farmamundi), nas municipalidades de Saint Marc, Lles Gonaïves e Marchand Dessalines, no distrito de Artebonite, e en Mirelais e Lascahobas, no distrito Central. As accións previstas inclúen cinco sesións de diálogo comunitario para a promoción e coordinación do acceso á saúde, con énfase na prevención do cólera, e a distribución de kits de hixiene e alimentación a 60 unidades de convivencia.

A iniciativa prolongarase catro meses co obxectivo de darlles respostas ás necesidades xurdidas arredor da grave situación socio sanitaria na que se atopa na actualidade Haití por mor dun brote de cólera. Esta problemática súmase ademais á complexa e aguda crise humanitaria e de seguridade existente no país.

Colaboración para a resposta ante emerxencias

Dende o ano 2009 ata agora asináronse convenios anuais de resposta ante emerxencias coa organización Farmamundi por máis de 989.000 euros, incluíndo a contía do convenio deste ano no que se enmarca esta actuación Haití.

O obxectivo desta colaboración constante entre a Xunta e Farmamundi é realizar as actuacións que ambas partes establezan, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humana, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2023