O presidente da Xunta participou nos actos da clausura do Bicentenario de Paradela

Rueda pon en valor o esforzo das Administracións locais e da súa veciñanza para seguir construíndo unha Galicia con futuro

Salienta o desvelo dos habitantes de Paradela por recuperar o pasado, reivindicar o presente e sementar o futuro

Destaca as liñas de colaboración cos concellos para atender as necesidades da poboación, especialmente as que van dirixidas á dinamización do rural
 

Paradela (Lugo), 10 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor o esforzo das Administracións locais e da súa veciñanza para seguir construíndo unha Galicia con futuro. O mandatario galego participou  nos actos celebrados co gallo da clausura do Bicentenario de Paradela, co que colaborou o Goberno galego. 

Alfonso Rueda recoñeceu o desvelo dos habitantes de Paradela por recuperar o seu pasado -con iniciativas como a exposición Do tempo de luces-, reivindicar o seu presente -con actividades como A Paradela dos máis novos- e sementar o seu futuro. O presidente da Xunta destacou a historia dun dos primeiros concellos galegos que acadou a oficialidade no século XIX e que foi escenario da creación na Idade Media da Orde dos Cabaleiros de Santiago, custodios do Camiño e dos peregrinos. Pero a entender do mandatario galego, Paradela ten tamén futuro polas súas potencialidades no sector primario e no turismo.  

O titular do Goberno galego garantiu a colaboración da Xunta coas Administracións locais para atender as necesidades da veciñanza, especialmente as que van dirixidas á dinamización do rural. No caso de Paradela, referiuse especialmente ás liñas abertas para a atención dos maiores -como as prazas públicas no centro de día e na residencia municipal- e para a favorecer a conciliación -coa casa niño aberta no concello-, pero tamén as iniciativas para reverter a tendencia demográfica e darlle vida ao rural -como o plan pioneiro de incorporación das persoas mozas ás actividades agrarias ou a Estratexia Retorna-.  

O Concello de Paradela celebrou o Bicentenario con diversas iniciativas de interese, como exposicións, conferencias, concertos ou a colocación dunha escultura en homenaxe aos cabaleiros da Orde de Santiago, entre outras actividades. Alfonso Rueda felicitou á veciñanza polo seu traballo en memoria de Paradela e da súa historia e destacou que facer grande o sitio no que se naceu e onde viven os pais é “facer grande Galicia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2023