A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático reuniuse con representantes do Instituto para a Política Europea do Clima e Enerxía (IEECP)

A UE selecciona a Galicia como exemplo de coordinación do Pacto das alcaldías polo clima e propón extrapolar o seu modelo a outros países

O IEECP pretende trasladar o modelo de gobernanza multinivel que desenvolve a Xunta a Francia, Italia, Croacia, Portugal, Bulgaria e Romanía
 

Galicia conta xa con 285 concellos adheridos a esta iniciativa, dos que o 87 % xa deseñaron un Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable para o que contaron con 1,3 M€ en axudas do Goberno galego
 

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2023

A Unión Europea selecciona a Galicia  como exemplo de coordinación do Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía e propón extrapolar o seu modelo a outros países, tal e como lle trasladaron representantes do Instituto para a Política Europea do Clima e Enerxía (IEECP) á directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, nunha reunión que mantiveron recentemente por videoconferencia.

No marco do proxecto NECPlatform, financiado con fondos LIFE, o IEECP seleccionou a coordinación que desenvolve a Xunta do Pacto das Alcaldías como exemplo de boas prácticas de gobernanza multinivel co obxectivo de trasladar esas estruturas a Francia, Italia, Croacia, Portugal, Bulgaria e Romanía no marco da actualización dos plans nacionais integrados de enerxía e clima.

Entre os aspectos que chamaron a atención do organismo sobre a xestión da Comunidade desta cuestión salientan os relacionados coa busca de solucións ás pequenas capacidades técnicas e financeiras a través dunha asistencia moi personalizada que se adapta ás particularidades dos concellos galegos, da creación de ferramentas -e da formación para o seu uso- que garantan o cumprimento dos requisitos mínimos á hora de presentar informes, e do financiamento da elaboración dos Plans de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES).
 
Ademais, durante a xuntanza telemática, a directora xeral respondeu diversas cuestións relacionadas co nivel de implicación do sector privado e das entidades non gubernamentais na consecución dos obxectivos climáticos e a existencia de estruturas de colaboración transversal entre as entidades locais adheridas que motiven un maior compromiso con estas políticas desde o ámbito local.
 
Cómpre lembrar que na actualidade hai 285 concellos adheridos a esta iniciativa, dos que o 87 % xa deseñaron un Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable (PACES) para o que contaron con 1,3 millóns de euros en axudas do Goberno galego.
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2023