A Xunta recibe un total de 55 candidaturas á XIV edición dos Premios ao desenvolvemento rural

Estes galardóns, que convoca a Consellería do Medio Rural, están dotados con ata 80.000 euros a repartir entre oito categorías

Están dirixidos a proxectos que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2023

A Xunta recibiu un total de 55 candidaturas para participar na XIV edición dos Premios ao desenvolvemento rural, que organiza cada ano a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Estes galardóns están dotados con ata 80.000 euros, a razón de 10.000 euros para cada un dos gañadores participantes nas oito categorías establecidas.

 

Neste senso, cabe indicar que se recibiron as seguintes candidaturas: oito na categoría de mocidade, para persoas de menos de 40 anos; tres na de paisaxe rural, para iniciativas de intervención, mellora e posta en valor das paisaxes rurais produtivas de Galicia nas que se integren os elementos e valores culturais e naturais co aproveitamento agrario; 10 na de interese social, para aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores; 10 na categoría de turismo; oito na do sector agrogandeiro; 10 na de mulleres, para iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por elas; tres na de innovación tecnolóxica e, por último, outras tres na de recuperación e posta en valor da terra agraria.

 

Así, o obxectivo destes premios é recoñecer por parte do Goberno galego aquelas iniciativas que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada, tal e como se explica nas bases e na convocatoria.

 

De feito, as bases establecen que cada un dos premiados recibirá un diploma e unha dotación en metálico de 10.000 euros, que deberá reinvestir na iniciativa gañadora para realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias.

Criterios de valoración

Con respecto aos criterios de valoración, inclúense a aportación da iniciativa ao obxecto da categoría na que participa, á actividade económica do territorio en que se desenvolve, á creación de emprego, á incorporación e inserción laboral da muller e implicación en políticas de igualdade, así como o grao de contribución á inserción de colectivos ou persoas socialmente desfavorecidas.

 

Tamén se valora o grao de apoio social, de consolidación e de sustentabilidade da iniciativa desde o punto de vista económico, medioambiental e sociocultural, así como o seu interese desde o punto de vista da innovación, excelencia e orixinalidade.

Data de actualización: 11/03/2023