O presidente da Xunta participou na entrega dos Premios da Cultura Galega 2022

Rueda pon en valor o vigor e o dinamismo actual do sector cultural galego e a relevancia da súa proxección exterior

Felicita os recoñecidos no día grande da cultura galega e destaca os grandes éxitos que están a colleitar os autores en diferentes disciplinas no panorama nacional e internacional

Subliña que o sector cultural supón o 3 % do PIB galego e un 3,2 % do emprego, cun incremento dun 65 % no número de traballadores desde o ano 2011 malia sufrir a crise provocada pola pandemia

Destaca as novas estratexias e normativas para a promoción da cultura nas que traballa o Goberno galego e as grandes citas que permitirán ao longo deste ano reafirmar o orgullo polas distintas expresións propias da arte e da cultura
 

Lugo, 15 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor o vigor e o dinamismo actual do sector cultural galego e a relevancia da súa proxección exterior. Na entrega dos Premios da Cultura Galega, aos que asistiu acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, o titular do Goberno galego felicitou os recoñecidos no día grande da cultura galega e destacou os grandes éxitos que están a colleitar os autores en diferentes disciplinas no panorama nacional e internacional.

 O titular do Goberno galego aproveitou o evento para render homenaxe ao recentemente falecido Salvador García Bodaño, e chamou a atención sobre a profunda pegada que os protagonistas do rexurdimento cultural galego deixaran nas diferentes formas de expresión artística, cunha especial ligazón entre autores e sociedade, polo que falou dun “milagre galego” que abrangue tamén ao sector cultural, que supón un 3 % do PIB e un 3,2 % do emprego, e que desde o ano 2011 medrou un 65 % ao pasar de 21.400 traballadores aos 35.400 que agora operan nas diferentes actividades culturais, o que sitúa a Galicia como a quinta Comunidade autónoma en canto a profesionais da cultura. 

Alfonso Rueda chamou a atención tamén sobre a resistencia do sector malia vir de atravesar dous anos moi difíciles polas consecuencias da pandemia, que paralizou boa parte das expresións culturais, de tal maneira que non só se recuperou o dinamismo, favorecido por acontecementos como o Xacobeo, senón que se constatou unha extraordinaria proxección exterior con multitude de exemplos, como o éxito inigualable das Tanxugueiras, o recoñecemento á película As bestas nos Premios Goya ou a concesión do Premio Nacional de Narrativa a Marilar Alexandre, o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández a Ismael Ramos, e o Premio Lazarillo de Creación Literaria en Literatura Infantil y Juvenil a Ledicia Costas. 

O presidente da Xunta asegurou que “o rexurdimento cultural galego non ten límites” e que o Goberno autonómico seguirá da man dos seus intérpretes e promotores con estratexias e normativas que permitan seguir promocionando a cultura, como o Plan Xeración Cultura -que recolle dous novos textos lexislativos, seis plans específicos de apoio e 57 accións, cun investimento de 34 millóns de euros este ano- ou a Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia e a Lei de cultura dixital de Galicia, que se prevé aprobar ambas as dúas ao longo deste ano.  

Subliñou, ademais, as efemérides que no 2023 permitirán seguir traballando sobre a herdanza recibida, como o Día das Letras Galegas que conmemorará a figura de Francisco Fernández del Riego, o centenario do Seminario de Estudos Galegos, os 50 anos da morte de Pablo Picasso, o centenario da morte de Manuel Murguía, os 50 anos do pasamento de Urbano Lugrís, a conmemoración dun século do nacemento do poeta Carlos Oroza ou o centenario da arquiveira Olga Gallego. 

Os premiados e a súa pegada

 Alfonso Rueda felicitou os autores, agrupacións ou grupos de traballo recoñecidos nos Premios da Cultura Galega por engrandecer esa herdanza recibida.  

No caso de Marica Campo, por achegar as palabras que conectan coa mocidade transmitindo valores de feminismo, ecoloxía e solidariedade.  

A María Victoria Carballo-Calero pola súa constante investigación e a súa divulgación sen acougo sobre as diferentes maneiras que ten o pobo de xerar cultura.  

A Melania Cruz pola súa particular visión de Galicia no teatro e no audiovisual.

 Aos membros de Música en Compostela por unha galeguidade que leva 64 anos difundindo o patrimonio musical mediante concertos, simposios, recitais, edicións de partituras e libros especializados.
 
 A Xosé Ramón Gayoso por facer do programa Luar un sinónimo de amizade e ocio por riba de modas para chegar a todos os públicos.
 
 A Manuel González González por ser un dos artífices da normalización da lingua en todos os ámbitos, cun incansable labor que abrangue a sociolingüística, a lexicografía, a terminoloxía ou a xeografía lingüística.
 
 A Xacarandaina por 40 anos de traballo na procura dos alicerces da cultura e polos espectáculos nos que os recupera e os espalla.
 
 Ao programa ConCiencia polo labor no eido científico proxectando unha imaxe internacional da ciencia na Comunidade e polo intercambio de experiencias con eminencias de todo o mundo en diferentes disciplinas científicas.
 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2023