Os Plans Locais de Saúde postos en marcha pola Xunta facilitan o desenvolvemento do novo modelo de atención primaria

Actualmente, o departamento sanitario galego conta con 43 Plans locais de saúde que alcanzan o 30% de todos os servizos de atención primaria do Sergas

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria presentou os resultados dos 14 primeiros servizos de primaria que asinaron o seu Plan local de saúde
 

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023

Os Plan locais de saúde son instrumentos vivos, abertos e participativos que facilitan o desenvolvemento do novo modelo de atención primaria”. Así o destacou hoxe na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, quen compareceu para respostar a unha pregunta dun dos grupos da Cámara referida ao balance que fai a Xunta dos Plans locais de saúde.

Segundo sinalou a directora xeral, os Plans locais de saúde son a mellor radiografía da saúde dos veciños de cada territorio, “así como a mellor guía para planificar toda acción que poida mellorar a calidade de vida da súa poboación de referencia”.

Actualmente, o Sergas conta con 43 Plans locais de saúde, que alcanzan o 30% de todos os servizos de atención primaria, e o obxectivo da Xunta é poder beneficiar á cidadanía dos 313 concellos.

Cada Plan inclúe un conxunto de accións definido por parte dos responsables dos servizos de atención primaria. Ademais, a xerencia de cada área sanitaria adquire un compromiso para facilitar o logro dos obxectivos propostos. Sinalar, así mesmo, que os resultados obtidos e as accións de mellora son obxecto de seguimento e medición, dixo Sofía López.

Resultados da avaliación

Da avaliación dos resultados obtidos nos 14 primeiros servizos de primaria que asinaron o seu plan local para o período 2022-2025, a directora destacou diversas metas acadadas, entre as que citou, o servizo de atención primaria de Teo, pola súa capacidade resolutiva tendo en conta a baixa porcentaxe de ingresos hospitalarios e urxencias dos pacientes; o servizo de primaria da Estrada, pola súa capacidade organizativa e asistencial; o das Pontes, pola atención domiciliaria aos pacientes inmobilizados; o de Caranza, polo elevado número de actividades comunitarias realizadas; o de Vilalba, pola súa xestión dos pacientes crónicos complexos; o de Castro Caldelas, polo uso do Sistema de xestión integral da demanda en equipo; o de Elviña, pola eficiencia na prescrición farmacolóxica; o dos Mallos, pola educación sanitaria sobre a poboación; o de Virxe Peregrina, polo uso racional dos antibióticos; o de Sárdoma, pola formación, docencia e investigación; e o de Lavadores, polo seu clima laboral.

A directora xeral remarcou que os Plan de saúde locais serviron, nestes 14 servizos de primaria, “para vehicular investimento en persoal e equipamento”, dotándose aos centros de novos dispositivos de diagnóse clínica, creación de novas consultas, adecuación de espazos, mellora da confortabilidade dos edificios ou a dixitalización de servizos.

No eido dos recursos humanos, destácanse, principalmente, a incorporación de tres farmacéuticos, dúas enfermeiras obstétrico-xinecolóxicas, un psicólogo clínico e un traballador social.

Todos estes bos resultados, a directora xeral agarda que continúen tamén neste ano nos 29 novos servizos de atención primaria que comezaron a executar o seu Plan local de saúde 2023-2026.

Para rematar a súa intervención, Sofía López remarcou que os resultados da implantación dos Plans locais de saúde no Sergas confirman “o acerto na súa pertinencia en aras dunha maior calidade asistencial e organizativa”, que contribúe a cumprir os obxectivos marcados no novo modelo de atención primaria.

“Dende a Consellería de Sanidade levamos anos traballando na reforma do primeiro nivel asistencial, coñecemos os seus problemas pero tamén as súas fortalezas. Na actualidade atopámonos nun momento no que as melloras organizativas comezan a dar os seus froitos, especialmente nos servizos de primaria que contan con Plan local de saúde, como así o amosan os datos presentados”, -concluiu a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria-.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2023