A Xunta fixa servizos mínimos íntegros para blindar o servizo de helicópteros de gardacostas ante a folga convocada polos sindicatos na empresa adxudicataria

O acto de protesta afecta á empresa que obtivo o contrato para a prestación do servizo aéreo de salvamento mediante concurso público

A Consellería do Mar publicou unha orde que recolle que o salvamento marítimo prevalece sobre este dereito fundamental dos traballadores pois poderían producirse danos irreparables ao estar en xogo a vida e a integridade física das persoas

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2023 A Consellería do Mar publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha orde para fixar servizos mínimos íntegros ante a convocatoria de folga realizada polos sindicatos da empresa Babcock -adxudicataria mediante concurso público da prestación do servizo aéreo de salvamento do Servizo de Gardacostas de Galicia- para varias xornadas deste mes, abril e maio. 

Malia que se trata dun conflito laboral alleo ao Goberno galego e dado que existe un contrato con esta empresa para prestar un servizo esencial, a Consellería do Mar adoptou as medidas oportunas para garantir a prestación dos servizos necesarios nos termos previstos na lexislación vixente.

Por iso, e dado o carácter de emerxencia dos traballos contratados con esta empresa, tramitouse esa fixación dos servizos mínimos íntegros co obxectivo de garantir a adecuada intervención dos helicópteros en caso de que se produza calquera emerxencia nos días nos que está convocada a folga.

A orde publicada polo DOG blinda o servizo e establece que o salvamento marítimo ten prioridade en relación co dereito fundamental dos traballadores á folga pois poderían producirse danos irreparables ao estar en xogo a vida e a integridade física das persoas. Por este motivo, as unidades aéreas que prestan este servizo deben permanecer operativas na súa totalidade co obxectivo de facer fronte con suficientes garantías ás emerxencias marítimas que puidesen xurdir durante o período de folga.

Nesta liña, considérase imprescindible que os dous helicópteros adscritos ao Servizo de Gardacostas de Galicia -o Pesca 1, con base en Vigo, e o Pesca 2, que opera desde Celeiro (Viveiro)- estean operativos ao mesmo tempo xa que cada un realiza o seu servizo nunha parte do litoral.

Deste xeito, o persoal adscrito ás dúas aeronaves deberá estar operativo nas súas respectivas bases durante as xornadas de folga para garantir a correcta prestación do servizo en caso de que nese momento se producise unha emerxencia no mar.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 17/03/2023