Román Rodríguez gaba o labor das agrupacións folclóricas galegas no estranxeiro como memoria viva da cultura e da lingua

O conselleiro de Cultura participa nos actos do 42 aniversario da Asociación Cultural ‘As Xeitosiñas’ de Zurich

Zurich (Suíza), 18 de marzo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salienta a importancia do papel desempeñado polas distintas agrupacións folclóricas e sociedades recreativas galegas no estranxeiro como “memoria viva da nosa cultura e da nosa lingua”.

Exemplo deste labor é a asociación cultural As Xeitosiñas, de Zurich, que este ano celebra o 42 aniversario da súa creación cun acto conmemorativo no que hoxe participa o  titular de Cultura do Goberno galego. Román Rodríguez destacou as máis de catro décadas de andaina desta agrupación “que permitiron aos emigrantes galegos nesta cidade suíza seguir mantendo os vínculos coa súa terra a través da música e da danza”.
 
As Xeitosiñas naceu no ano 1981 ao abeiro da Misión Católica Española de Zurich como entidade de folclore galego cunha banda composta por gaitas, bombos, tambores e pandereteiras. Ademais de exercer de punto de encontro para a comunidade galega, a agrupación ofrece formación gratuíta de música, cante e danza para os máis novos.
 

Data de actualización: 18/03/2023