Galicia e Asturias reclaman que Europa teña en conta o envellecemento, dispersión da poboación e baixa natalidade á hora de distribuír fondos
Rueda e Barbón piden ao Goberno de España que solicite á Comisión Europea ampliar o concepto de “zonas escasamente poboadas” para que recolla tamén estes factores
O presidente de Asturias eloxia a Estratexia Retorna impulsada pola Xunta e anuncia que implantará unha medida similar para animar os seus compatriotas no exterior a regresar ao Principado
O titular do Goberno galego insiste na solicitude dunha entrevista coa ministra de Transportes para impulsar o ramal noroeste do Corredor atlántico de mercadorías, que precisa dun investimento de 8.000 M€
Reivindican un modelo de financiamento autonómico que non se basee unicamente na poboación e que teña en conta as necesidades e os custes dos servizos pola dispersión xeográfica
Taramundi (Asturias), 17 de marzo de 2023
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, reclaman que Europa teña en conta o envellecemento, dispersión de poboación e baixa natalidade á hora de distribuír fondos. O titular do Goberno galego presidiu xunto o mandatario asturiano o encontro bilateral El reto demográfico en Asturias y Galicia, un encontro ao que asistiron tamén a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o conselleiro do Medio Rural, José González, e que se desenvolveu baixo o lema Avanzar xuntos. No foro anunciouse que Asturias e Galicia reclamarán ao Goberno de España que solicite á Unión Europea ampliar o concepto de “zonas escasamente poboadas” para que recolla tamén estes factores.
Os mandatarios galego e asturiano concordaron na necesidade de que as políticas demográficas sexan políticas integrais porque afectan a todos os ámbitos da xestión. “Trátase dunha cuestión transversal que está presente en todas as decisións; nas infraestruturas, no sistema de pensións e noutros ámbitos”, indicou Alfonso Rueda, quen reclamou outro modelo de financiamento que non teña en conta só a poboación e si as necesidades e os custes dos servizos pola dispersión xeográfica, coincidindo co seu homólogo asturiano en que estas estratexias teñen que ser prioritarias no reparto dos fondos tanto a nivel europeo como estatal, autonómico ou municipal.
Por ese motivo solicitaron o cambio de criterios na UE para que un territorio sexa declarado como zona escasamente poboada, subliñando a necesidade de incluír a dispersión poboacional e o envellecemento. Esta modificación permitiría que comunidades como Asturias e Galicia contaran con máis fondos para reverter a pirámide poboacional.
O titular do Goberno galego apostou pola colaboración entre Comunidades que comparten intereses, pero tamén problemas como o demográfico, polo que deu a coñecer en Asturias as medidas que se están aplicando en Galicia para loitar contra o envellecemento e a despoboación. Asturias xa botara man da Tarxeta Benvida galega para introducir axudas por nacemento e adopción, e agora Adrián Barbón non só eloxiou a Estratexia Retorna da Xunta, que permitu o ano pasado que 28.000 galegos regresaran á súa terra de orixe, senón que anunciou tamén que implantará unha medida similar para animar os seus compatriotas no exterior a regresar ao Principado.
Alfonso Rueda destacou que o encontro entre os dous mandatarios se encadra na boa relación e nunha habitual colaboración entre Galicia e Asturias que vai máis alá das cores políticas dos seus gobernos, e puxo en valor o alcance da Declaración de Santiago asinada no ano 2021 que está a dar lugar a unha cooperación prolongada no tempo entre Comunidades autónomas que velan por intereses comúns dos seus cidadáns.
Ramal noroeste do Corredor Atlántico
Atendendo precisamente ás decisións tomadas hai unhas semanas no cumio que se celebrou en Galicia e ao que asistiron os representantes de Asturias e de Castela e León, Rueda e Barbón insistiron na necesidade de impulsar o ramal noroeste do Corredor atlántico de mercadorías, para que Asturias e Galicia non queden illadas de Europa. Alfonso Rueda insistiu en que esta infraestrutura ten unha necesidade de investimento estimada en 8.000 M€, polo que “non podemos aceptar” que o Goberno prevea gastar só 1.100 M€. O presidente da Xunta anunciou que se vai solicitar unha entrevista coa ministra de Transportes, Raquel Sánchez, para analizar especificamente a situación e as necesidades do Corredor atlántico no noroeste peninsular.