A Xunta asina co CB Breogán un contrato de patrocinio centrado na promoción de Galicia como destino turístico

Lugo, 17 de marzo de 2023
Compartir
  • whatsapp

A Xunta vén de asinar un contrato de patrocinio co Club de Baloncesto Breogán centrado na promoción da Comunidade como destino turístico, mediante a incorporación da imaxe de Turismo de Galicia no equipamento do club e noutros soportes como a páxina web, redes sociais, pantallas ou cartelería.

 

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral do CB Breogán, Tito Díaz, reuníronse hoxe para tratar sobre esta nova acción conxunta, que contempla o patrocinio do encontro que enfrontará este domingo ao CB Breogán co Zaragoza.

 

Arias apuntou que ambas institucións levan tempo preparando a colaboración para esta tempada, ademais de analizar futuras vías de apoio. Subliñou o compromiso do Goberno galego co deporte, “que fai un bo binomio co turismo á hora de achegar beneficios á nosa provincia”. No caso concreto desta actividade, destacou “o impacto e difusión que ten un partido da ACB, a mellor Liga de baloncesto de toda Europa”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/03/2023