O presidente do Goberno galego mantivo unha xuntanza coa directiva da Rede europea de loita contra a pobreza e a exclusión social (EAPN) en Galicia

A Xunta grante apoio integral ás persoas vulnerables e con escasos recurso que sofren en Galicia o impacto da crise e a suba de prezos de produtos básicos

Rueda destaca que a Administración autonómica traballa para modificar a Lei de inclusión social de Galicia co obxectivo de evitar que a burocracia derivada da adaptación da Risga ao Ingreso Mínimo Vital prexudique as familias que precisan de axudas
 

Lamenta a falta de coordinación do Goberno central coas CC.AA. para simplificar as tramitacións e garantir que as prestacións cheguen a quen as necesita
 

Avanza a posta en marcha dun novo programa de acompañamento no acceso á vivenda das persoas sen fogar para situar o ámbito residencial no centro dos procesos de inclusión social
 

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometeu o apoio integral do Goberno galego ás persoas vulnerables e con escasos recursos que sofren en Galicia o impacto da crise e a suba de prezos de produtos básicos. O mandatario autonómico mantivo esta semana unha xuntanza coa directiva da Rede europea de loita contra a pobreza e a exclusión social (EAPN) en Galicia, entidade que engloba máis dun cento de organizacións non gobernamentais e colectivos de persoas vulnerables presidida por Eloína Ingerto.

O titular do Goberno galego garantiu que a Administración autonómica traballa para modificar a Lei de inclusión social de Galicia co obxectivo de evitar que a burocracia derivada da adaptación da Risga ao Ingreso Mínimo Vital prexudique ás familias que precisan de axudas. Nese sentido, Alfonso Rueda lamentou as constantes modificacións do Goberno central respecto da normativa estatal e a falta de coordinación coas Comunidades autónomas para que os trámites e os requisitos das diferentes normas non dificulten o cobro por partes das persoas que teñen dereito a esas prestacións.
 
No encontro, no que tamén estivo presente a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, o presidente da Xunta avanzou a posta en marcha dun novo programa de acompañamento no acceso á vivenda das persoas sen fogar para situar o ámbito residencial no centro dos procesos de inclusión social, na liña na que traballa o Goberno galego para que a atención ás persoas máis vulnerables veña de todos os departamentos autonómicos implicados coa finalidade de ofrecerlles todos os servizos e prestacións que lles corresponden.
 
A Consellería de Política Social e Xuventude mantén coa EAPN unha colaboración constante e desde o ano 2016 asina con dita entidade un convenio de colaboración para loitar contra a pobreza e a exclusión social que neste ano se incrementará nun 11 %. Entre os anos 2009 e 2022 multiplicáronse por cinco as achegas destinadas a entidades encadradas na Rede, pasando de 47.000 euros a 240.000 na actualidade.
 
Nesa mesma liña, o orzamento da Dirección Xeral de Inclusión Social aumentou un 25 % con respecto ao ano pasado ata acadar os 148,5 millóns de euros. Ese incremento permitiu subir un 8 % as contías da Risga e das axudas de inclusión social, aumentar un 6 % o complemento que se paga ás persoas perceptoras de pensións non contributivas e aumentar a axuda autonómica que complementa o bono social térmico nun 50 %.

Nova Estratexia de inclusión social de Galicia Horizonte 2030

Para garantir o apoio integral ás familias vulnerables e ás persoas con escasos recursos, o Goberno galego prevé aprobar este ano unha nova Estratexia de inclusión social de Galicia Horizonte 2030 que garanta a cobertura das necesidades básicas das persoas en risco de pobreza e exclusión social, adaptada ao contexto actual polas consecuencias da pandemia, a crise económica, a suba de prezos de produtos básicos e as dificultades para acceder a unha vivenda digna. A norma, que fará fincapé na necesidade de facilitar a estas persoas o acceso ao mercado laboral, incluirá tamén accións específicas para a poboación xitana.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/03/2023