A Xunta apoia os viños galegos de calidade na Feira Prowein da Alemaña
O evento -o máis importante do sector do viño en Europa- prolongarase ata este martes 21 na cidade de Düsseldorf
Na pasada edición participaron unhas 5.800 empresas provenientes de 62 países, o que supuxo un fluxo de 38.000 profesionais procedentes de ata 145 países
O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, atópanse hoxe na feira Prowein da Alemaña apoiando os viños galegos de calidade. No evento, que se celebra ata este martes 21 de marzo na cidade de Düsseldorf, están a participar un total de 67 empresas galegas, acompañadas dos seus respectivos consellos reguladores.
Prowein 2023
Na feira Prowein, o consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas está presente cunha caseta propia, onde organizará un túnel do viño, no cal participarán 94 marcas de 54 adegas. Ademais, están un total de 11 adegas coexpositoras. A denominación de orixe Ribeiro tamén contará cun posto propio onde se exporán ata 25 referencias de viños brancos e tintos. Así mesmo, participan tamén nesta feira -con caseta propia- un total de oito empresas desta denominación.
O consello regulador de Valdeorras acode ao certame da man de 15 empresas coexpositoras, mentres que o de Ribeira Sacra o fai con 19 adegas. Por último, a denominación de orixe Monterrei levará mostras de 14 adegas que exporá no seu posto.