Trenor anuncia un investimento de máis de 580.000 euros para a renovación de fiestras e do SATE do CPI Armando Cotarelo Valledor en Boimorto

O delegado da Xunta asegurou que todas estas as actuacións teñen como obxectivo adaptar os centros educativos de toda a xeografía galega de acordo cos novos retos tecnolóxicos e ambientais facéndoos máis confortables, seguros e sostibles

Boimorto (A Coruña), 20 de marzo de 2023

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, visitou o CPI Armando Cotarelo Valledor para anunciar un investimento de máis de 580.000 euros para levar a cabo a substitución de fiestras e a renovación do SATE (sistema de aislamento térmico exterior) no edificio infantil e na parte nova do edificio principal.

O representante do Goberno autonómico puntualizou que con este tipo de actuacións o Goberno autonómico está a traballar para transformar e adaptar os centros educativos de toda a xeografía galega de acordo cos novos retos tecnolóxicos e ambientais “facéndoos máis confortables, seguros e sostibles”.  Neste senso, engadiu que, “dende a Xunta seguimos reforzando a nosa aposta pola educación pública de calidade impulsando distintas melloras nos centros educativos dos concellos con obras de maior ou menor envergadura, de mantemento e conservación ou dirixidas a garantir unhas instalacións axeitadas e dotadas con todos os medios necesarios”.

Con respecto á obra prevista consistirá na substitución de todas as carpinterías exteriores obsoletas que quedan de substituír (as da planta segunda xa foron cambiadas) e a execución dun illamento térmico exterior continuo mediante un sistema SATE nas fachadas norte, sur, leste e oeste do edificio.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Tal e como sinalou o titular do departamento educativo da Xunta, estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar os centros de ensino e converténdoos en instalacións máis eficientes e sustentables, así como axustadas ás necesidades da educación do século XXI, máis dixitalizadas, con espazos funcionais, amplos e flexibles, mobiliario con rodas, etc. Dotado cun orzamento de 191M€, a través deste plan prevese renovar catro de cada 10 centros educativos.

 

Esta actuación conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no programa operativo FEDER Galicia 2014-2020

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2023