A Xunta realizará unha reforma integral do centro de saúde de Salvaterra por máis de 445.000 €
O conselleiro de Sanidade e o xerente da área sanitaria visitaron hoxe o centro coa alcaldesa para informar da actuación que afectará a 580 m2
A actuación contempla desde a renovación do pavimento do aparcamento ata a renovación da caldeira, pasando por reformas nos aseos, no mostrador de recepción ou nas carpinterías exteriores, así como a creación dunha sala polivalente
O Goberno galego aprobou o proxecto arquitectónico o mes pasado, polo que está a completar os trámites administrativos para licitar a obra nos vindeiros días
Salvaterra de Miño, 20 de marzo de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente avanzaron hoxe á alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, a próxima licitación dunha obra de reforma integral do centro de saúde desta localidade por un importe total superior aos 445.000 euros e que afectará a 580 m2 da superficie do edificio.
A obra que se vai contratar inclúe múltiples actuacións de mellora en diferentes puntos do centro de saúde. Renovarase o pavimento da área de aparcamento, así como o falso teito da zona exterior do centro e a rampla de acceso, para facela adaptada aos requisitos de accesibilidade. Realizarase tamén un pintado interior do centro.
Por outra banda, no eido da eficiencia enerxética substituiranse as carpinterías exteriores, que serán melloradas por outras con rotura de ponte térmico e dobre acristalamento, así como as luminarias de todo o centro, que serán remudadas por lámpadas led. Reformarase tamén a sala de caldeiras e procederase á instalación dunha nova caldeira de gas natural e dunha nova bomba de calor para mellorar a climatización do centro.
Finalmente, no que se refire á funcionalidade do centro para profesionais e pacientes, a reforma contempla a creación dunha sala polivalente que sirva para realizar exploracións xinecolóxicas ou cirurxía menor ambulatoria; a reforma do mostrador de recepción creando un novo posto para axilizar a atención aos pacientes e un mostrador adaptado que facilitará a atención a persoas con discapacidade; así unha actuación sobre os aseos para ter dous independentes e un adaptado.
O Goberno galego cumpre así co compromiso acadado co Concello de Salvaterra de Miño, que solicitara esta actuación. Para facelo, a Xunta contratou o proxecto arquitectónico co estudo de Alba Riguera Otero, un traballo que terminou de ser supervisado e aprobado polo persoal técnico do Sergas o pasado mes de febreiro, co que está rematando agora os trámites administrativos dos pregos de contratación da obra co obxectivo de licitala nos vindeiros días.
Infraestruturas de atención primaria na área de Vigo
Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 111 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as catro que están en marcha (construción do CIS de Lugo e do CIS de Lalín e reformas en Arnoia e O Porriño). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 13 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
En particular, na área sanitaria de Vigo, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de San Paio de Navia, Taboada Leal (Vigo), Panxón (Nigrán), Oia, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar e Bouzas, e as reformas de Tomiño, Crecente, Pazos de Borbén e os centros vigueses de Lavadores e rúa Cuba. Ademais, están a piques de finalizar as obras de reforma do centro de saúde do Porriño.
A execución simultánea destes proxectos é posible grazas a que os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2023 incrementaron os fondos para investimentos en atención primaria nun 65% ata os 56 millóns de euros. É a maior cantidade de fondos no capítulo de investimentos dedicada á atención primaria dos últimos 20 anos, mesmo superior ao de 2021 que contaba co fondo extraordinario COVID.