Na presentación do 16º Salón de Prevención e Seguridade Laboral de Galicia no recinto feiral de Expourense que se celebrará os días 22 e 23 de marzo

Gabriel Alén destaca o traballo da Xunta a prol da prevención, autoprotección e resposta ante situacións de emerxencias

O delegado territorial da Xunta sinalou que Previsel consolídase como referente para o intercambio de experiencias en materia de xestión e prevención de riscos laborais coa participación de recoñecidos expertos neste ámbito para incidir na importancia de prevención de riscos

Gabriel Alén indicou como ferramentas clave de prevención os plans de autoprotección ou os plans de emerxencia exterior e industriais para facer fronte a riscos especiais como incendios forestais ou inundacións nos que a Xunta está a traballar

Nesta edición, o ISSGA participa realizando obradoiros propios como ‘Non te caias da escada’, ‘Non te cortes’, ou o‘Estudo ergonómico no sector da automoción’

O representante do Goberno galego lembrou que Galicia conta desde 2012 co Rexistro de Plans de Autoprotección do que forman parte máis de 2.500 plans

No caso das AVPC e os GES a Xunta destinou un investimento histórico destinado a renovar o equipamento destes servizos de emerxencias dos concellos con máis de 24 millóns de euros nos últimos anos

Ourense, 20 de marzo de 2023 O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, destacou hoxe, na presentación en Ourense do 16º Salón de Prevención e Seguridade Laboral de Galicia (Previsel), o traballo levado a cabo desde a Xunta no que se refire ao desenvolvemento da planificación das respostas ante situacións de emerxencias, o fomento da autoprotección e a dotación de medios de intervención aos servizos de emerxencias; así como o labor do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) en materia de prevención de riscos laborais, que participa como membro do Comité Asesor, aportando iniciativas e relatores en distintas actividades e como expositor.

O delegado territorial sinalou que Previsel consolídase como referente para o intercambio de experiencias en materia de xestión e prevención de riscos laborais coa participación de recoñecidos expertos neste ámbito para incidir na importancia de prevención de riscos. Gabriel Alén puxo en valor a importancia das políticas de prevención e planificación para mitigar o impacto das situacións de emerxencia, aspectos tamén fundamentais no ámbito da saúde laboral; e de subliñou que a prevención, un dos fins prioritarios da protección civil, é o medio para garantir a seguridade da cidadanía e responder de modo axeitado e eficaz en caso de riscos colectivos.

Gabriel Alén afirmou que a prevención e unha responsabilidade de todos, e este tipo de actividades axudan a afondar nos coñecementos dos deberes, así como dos modelos organizativos e dos medios preventivos precisos para por en práctica a prevención integrada no sistema xeral de xestión da empresa; por iso -explicou- “estas xornadas constitúen un referente para o intercambio de experiencias e coñecementos en materia de prevención e formación. Ademais da presentación de produtos e servizos nas casetas, os talleres, conferencias e demostracións, proporcionan unha visión global da xestión e prevención dos riscos laborais”.

Nesta edición, o ISSGA participa realizando obradoiros propios como ‘Non te caias da escada’ para falar da importancia dun dos riscos que mais incidencia están tendo na sinistralidade laboral: as caídas de altura no que respecta ao uso das escadas; ‘Non te cortes’, para evitar os accidentes nas carpinterías; ou o obradoiro ‘Estudo ergonómico no sector da automoción’ para abordar os trastornos músculo esqueléticos e mais concretamente no sector da industria auxiliar da automoción.

Tamén participa a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) que se desprazou co seu Posto de Mando Avanzado. Trátase dunha unidade móbil coa máis moderna tecnoloxía para intervir en caso de accidente ou catástrofe como vén realizando nos últimos anos en todo o territorio da comunidade galega.

No que se refire á planificación, Gabriel Alén indicou como ferramentas clave de prevención os plans de autoprotección ou os plans de emerxencia exterior e industriais para facer fronte a riscos especiais como incendios forestais ou inundacións nos que a Xunta está a traballar. Nesta liña, o Goberno galego levou a cabo un importante traballo de revisión dos plans de protección civil autonómicos poñéndoos a proba con simulacros periódicos; por iso -sinalou o delegado territorial- “as políticas públicas que se aplican resultan fundamentais para reducir a vulnerabilidade ante catástrofes naturais, industriais ou tecnolóxicas. De aí que desde a Xunta se estea a facer fincapé en desenvolver sistemas de alerta e plans de respostas, así como na dotación de medios e no fomento da formación e a autoprotección”.

Ademais, en canto á autoprotección lembrou que Galicia conta desde 2012 co Rexistro de Plans de Autoprotección do que forman parte máis de 2.500 plans. Tamén se está a tramitar un novo decreto de Plans de Autoprotección de Galicia que permitirá actualizar o vixente aprobado en 2010.

A Xunta encargase a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) da formación dos efectivos de servizos de extinción de incendios e salvamento, Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), Grupos de Emerxencias e Interior (GES), e corpos e forzas de seguridade para contar con profesionais ben preparados para actuar con eficacia ante calquera incidencia.

No caso das AVPC e os GES a Xunta destinou un investimento histórico destinado a renovar o equipamento destes servizos de emerxencias dos concellos con máis de 24 millóns de euros nos últimos anos. A esta partida súmanse máis de 15 millóns de euros no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2023