A Xunta reformará a entrada do centro de saúde de Toén para facilitar o acceso das ambulancias

O Goberno galego aprobou xa o proxecto arquitectónico e licitará nos vindeiros días a obra por un importe total de 78.874 €
 

Substituírase a porta de acceso por un portón con apertura mecanizada e reforzarase a base do pavimento para resistir o peso dos vehículos sanitarios
 

Desde 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 111 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados
 

Toén (Ourense), 20 de marzo de 2023
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaron hoxe o centro de saúde de Toén para anunciar a próxima licitación de reforma da entrada desa infraestrutura sanitaria para facilitar o acceso das ambulancias.

A Xunta contratou un proxecto arquitectónico destinado a facilitar o acceso das ambulancias ao centro de saúde, resolvendo así unha necesidade detectada ao longo do uso deste novo centro. O Goberno galego aprobou este mes de marzo, trala preceptiva supervisión técnica, este proxecto e está en condicións de licitar o contrato de obra nos vindeiros días, por un importe de 78.874 euros.

O proxecto recolle, en primeiro lugar, a modificación da porta de acceso, aumentando o oco actual no muro de formigón para permitir instalar un portón de dúas follas con apertura mecanizada. Esta nova entrada deixará un ancho libre entre ambas follas de 3,63 metros, o que posibilitará tanto o acceso peonil ordinario como o acceso rodado de xeito controlado dos vehículos sanitarios.

Para soportar o peso destes vehículos sanitarios no recinto interior, reforzarase a base de sustentación do pavimento actual introducindo formigón como base ríxida. Para manter os acabados existentes, desmontarase con sumo coidado o pavimento actual, numerando as pezas para garantir a súa colocación na mesma posición sobre a nova base ríxida. Do mesmo xeito, conservaranse os sumidoiros de recollida de pluviais e os focos incrustados actualmente existentes.

A intervención arquitectónica proponse cumprir coas necesidades prácticas requiridas acadando unha homoxeneidade co entorno construído do centro de saúde, empregando os mesmos acabados para manter a imaxe do actual edificio. Do mesmo xeito, xardineiros especialistas realizarán a retirada e transplantados das enredadeiras existentes na súa nova posición. A actuación completa actuará sobre unha superficie de 106 metros cadrados.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de111 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as catro que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia e Porriño). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares), Carballeda de Avia e Ribadavia, mentres que se atopa iniciada a reforma no centro de saúde de Arnoia.

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse nesta área sanitaria centros de saúde, como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios, Cenlle, O Bolo, Amoeiro, Rairiz de Veiga, Vilardevós, Maside, Castrelo de Miño, Baltar, Beariz, Riós ou Vilar de Barrio. 

A execución simultánea destes proxectos é posible grazas a que os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2023 incrementaron os fondos de investimentos en atención primaria nun 65% ata os 56 millóns de euros. É a maior cantidade de fondos no capítulo de investimentos dedicada á atención primaria dos últimos 20 anos, mesmo superior ao de 2021 que contaba co fondo extraordinario COVID.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 20/03/2023