Fernández-Tapias avanza que o arquitecto Alfonso Penela deseñará o novo Centro de Asociacionismo de Vigo

A delegada territorial da Xunta anunciou este luns o resultado do concurso de ideas para a reforma do edificio dos xulgados da rúa Lalín no que o Goberno galego investirá 12,6 millóns de euros

Destacou a experiencia do arquitecto vigués na rehabilitación de infraestructuras públicas como a nova Cidade da Xustiza e salientou que o proxecto manterá a dinamización da rúa Lalín e a praza de América

“O proxecto suporá un antes e un despois para as asociacións viguesas, que terán a súa gran casa no barrio das Travesas”, sinalou na presentación na que tamén estivo o arquitecto e houbo representación de trinta colectivos

Vigo, 20 de marzo de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, avanzou este luns que o arquitecto Alfonso Penela resultou gañador do concurso de ideas convocado para deseñar o novo Centro do Asociacionismo de Vigo no vello edificio dos xulgados da rúa Lalín. A representante autonómica destacou o éxito da convocatoria, cun total de 29 proxectos presentados, feita polo Goberno galego en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG).

 

“O proxecto suporá un antes e despois para as asociacións e colectivos da cidade, xa que por fin terán a súa gran casa no barrio do Travesas grazas a unha infraestructura adicada especialmente ao desenvolvemento das súas actividades”, explicou durante a rolda de prensa na que se anunciou o gañador do concurso en presenza de representantes de trinta colectivos de Vigo.

 

O propio arquitecto Alfonso Penela sinalou durante a súa intervención, na que tamén estivo o presidente do Colexio de Arquitectos en Vigo, Manuel Martínez Carazo, que a súa proposta reutilizará o 95 % da estrutura xa existentes e dotará ao inmoble da rúa Lalín dun auditorio con aforo para 400 persoas. Ademais, tamén levará a cabo a apertura de ágoras centrais cada dúas plantas cun hall para actos e os locais organizados e dispostos en forma de anel.  

 

Licitación do proxecto

Fernández-Tapias indicou que o vindeiro mes de maio levarase a cabo a licitación do proxecto técnico, básico e de execución, incluído o proxecto de seguridade e de saúde, de xestión de residuos, a certificación enerxética e o proxecto de telecomunicacións das obras de rehabilitación.

 

A representante autonómica tamén explicou que se habilitarán locais na planta baixa e na primeira e quinta do edificio e a súa cesión a asociacións da cidade. Os traballos poderían estenderse a outras tres plantas -os 2 sotos e o semisoto- que na actualidade se destinan a aparcamento e zona de arquivos, polo que poderían habilitarse unhas 134 dependencias. 

 

As obras inclúen intervencións na carpintaría, revestimentos, acabados e instalacións, así como a mellora da eficiencia enerxética da envolvente do edificio. O orzamento estimado para intervir na totalidade do edificio -incluíndo as tres plantas do soto- ascende aos 12,6 millóns de euros.

 

Dinamización do barrio

“Con este proxecto ofrecemos novas dotacións e servizos á poboación do barrio e renovamos as infraestruturas, tamén co Centro de Saúde Olimpia Valencia no edifico da Audiencia, para manter a actividade económica en toda a área de rúa Coruña e praza de América”, apuntou.

 

Durante o acto celebrado na Delegación da Xunta en Vigo, no que se anunciou o gañador do concurso, tamén estiveron presentes unha trintena de representantes de colectivos e asociacións interesados en iniciar a súa actividade no novo Centro de Asociacionismo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2023