A Xunta apoia a creación de máis servizos no rural para a atención ás persoas con discapacidade
O Goberno galego financia as 114 prazas coas que conta este centro na actualidade cunha inversión de máis de 3 millóns de euros ao ano
A conselleira visitou tamén o terreo onde se vai situar a futura residencia de maiores da Fundación San Rosendo no concello de Pantón
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou esta mañá o apoio do Goberno galego para a creación de máis servizos de atención á discapacidade no rural galego. Fíxoo durante unha visita a residencia de Bóveda na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e durante a que se presentaron as obras de ampliación do centro.
A conselleira destacou que estas instalacións permiten ofrecer atención de calidade e adaptada ás distintas necesidades das persoas con discapacidade. A Xunta de Galicia financia con máis de 3 millóns de euros anuais as 114 prazas coas que conta este centro na actualidade. Mediante as obras de ampliación previstas, a residencia contará con 48 novas prazas que permitirán achegar atención a máis persoas.
Fabiola García lembrou que o Goberno galego ofrece servicios e atención ás persoas con discapacidade desde o berce e ata a vellez. Faino mediante unha ampla rede de atención temperá que na actualidade dá cobertura a 200 concellos galegos; tamén con máis prazas públicas de atención en centros de día ou residencia; e fomentando a colaboración coas entidades sociais e co ámbito privado para levar servizos e atención a máis lugares e a máis xente.
Futura residencia de Pantón
A conselleira visitou previamente o concello veciño de Pantón para coñecer o lugar onde se vai construír a futura residencia de maiores da Fundación San Rosendo. A colaboración institucional permitiu iniciar o proceso de construción deste centro que contará con 36 prazas. Fabiola García, que estivo acompañada do alcalde desta localidade, José Luis Álvarez, trasladou toda a disposición da Xunta de Galicia de colaborar co proxecto que permitirá seguir achegando servizos a todos os recunchos da nosa Comunidade.