A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na xornada divulgativa a cargo de axentes do Distrito forestal 1

A Xunta conciencia aos escolares do CPR Compañía de María sobre o coidado dos recursos naturais con motivo do Día Internacional dos Bosques

A actividade, incluída no programa de sensibilización que recolle o Pladiga, consistiu nunha charla teórica nas aulas sobre a importancia das árbores e o seu ciclo vital e unha sesión práctica no exterior sobre os tipos de ferramentas que se empregan na extinción de incendios forestais

Ferrol, 21 de marzo de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá nunha xornada divulgativa escolar no CPR Compañía de María, impartida polos axentes do Distrito forestal 1 de Ferrol da Consellería do Medio Rural con motivo da celebración do Día Internacional dos Bosques.

A iniciativa, na que tomaron parte escolares de 3º, 4º , 5º e 6º de Primaria, ten como obxectivo incidir na importancia que os bosques teñen para o medio ambiente, concienciando desde as idades máis temperás sobre o coidado dos recursos procedentes desta fonte natural de riqueza.

A delegada territorial aproveitou a ocasión para facer un chamamento ao coidado e mantemento dos montes galegos “polo seu inmenso valor patrimonial, cultural, paisaxístico e económico”, en tanto que representan “unha gran actividade empresarial e supoñen a creación de postos de traballo que contribúen á fixación de poboación no medio rural”, lembrou.

A xornada contou cunha parte teórica nas aulas nas que os axentes relataron os beneficios das árbores e proxectaron un vídeo que amosa o seu crecemento a partires dunha semente. Nunha segunda parte, xa máis práctica e que se desenvolveu no exterior do centro educativo, unha cuadrilla forestal provista cunha motobomba ensinaron aos alumnos que tipo de ferramentas se empregan na extinción de incendios forestais.

Esta actividade forma parte do Programa de sensibilización dirixido á poboación escolar do distrito que está incluído dentro da Programación de medidas e accións dirixidas á poboación segundo establece o Plan de Defensa contra Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) da Consellería do Medio Rural.

Ademais, o Plan Forestal 2021-2040 “cara á neutralidade carbónica” tamén lle concede relevancia á divulgación e comunicación da natureza singular, sustentable e renovable dos montes e dos seus produtos derivados a través da programación de eventos, encontros, conferencias ou congresos sectoriais, así como de actividades dirixidas a centros educativos, entre outros. Nese apartado, precisamente, encádranse as charlas previstas ao longo desta semana en distintos colexios galegos para mellorar a información, divulgación e comunicación sobre o territorio forestal, os recursos forestais e a xestión forestal co gallo de estimular un vínculo ou achegamento positivo e duradeiro coa sociedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2023