A Xunta dota dunha pista de pádel ao concello de Moraña para completar as instalacións deportivas do Buelo cunha achega de máis de 35.000 €

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde José Cela, supervisou esta mañá esta nova cancha de xogo, financiada ao abeiro da orde de infraestruturas de uso público da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

A actuación consistiu na construción dunha pista de pádel de 20 por 10 metros con céspede artificial de última xeración e un equipo de iluminación con catro equipos e dun muro de contención para nivelar a contorna e soster a estrutura

A Dirección Xeral de Administración Local investiu máis de 750.000 € nos últimos anos en Moraña na mellora de parques infantís, redes de saneamento, bombeos de auga, obras nos colexios públicos e outras instalacións deportivas de pump-track e multixogo

Moraña, 21 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vén de dotar dunha pista de pádel de última xeración ao Concello de Moraña para completar a rede de instalacións deportivas do barrio do Buelo cunha achega de máis de 35.000 euros ao abeiro da orde de infraestruturas de uso público.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Moraña, José Cela, supervisaron esta mañá esta nova cancha de xogo, promovida polo Concello para atender a demanda dos afeccionados desta práctica deportiva e que se engade á ampla oferta dunha zona que conta con campo de fútbol, pavillón polideportivo, circuíto pump-track e pista multideporte.

“O Concello de Moraña está a actuar moi atinadamente coas axudas da Dirección Xeral de Administración Local, posto que aproveita o Fondo de Compensación Ambiental para aumentar as redes de saneamento e abastecemento e a orde de infraestruturas para modernizar os seus parques infantís e converter a zona do Buelo nunha contorna deportiva cuns servizos moi variados e de primeiro nivel”, manifestou o representante autonómico.

A actuación financiada pola Xunta consistiu na construción dunha pista de pádel de 20 por 10 metros de dimensións cunha estrutura de aceiro galvanizado cuberta de resina-poliéster, malla metálica, paneis de cristal de gran resistencia nas fachadas, céspede artificial de última xeración e un sistema de iluminación con catro equipos a seis metros de altura. Así mesmo, a obra completouse cun muro de contención orientado a nivelar a contorna e soster toda a estrutura.

Cómpre sinalar que, ao abeiro das ordes de achegas da Dirección Xeral de Administración Local, o Concello de Moraña recibiu máis de 750.000 euros para investimentos nos últimos anos e moitas destas axudas orientáronse á mellora de parques infantís, redes de sumidoiros, bombeos para o abastecemento de auga, obras no colexios públicos e a xa citada construción das pistas pump-track e multixogo.

564 M€ para os concellos este ano

A Xunta de Galicia vai destinar este ano, no conxunto das súas liñas e achegas, un total de 564 millóns de euros a prol dos concellos, o que supón un incremento do 15 % con respecto ao exercicio anterior.

Neste eido, só a Dirección Xeral de Administración Local ten previsto transferir máis de 160 millóns de euros coas súas ordes de axudas, dos que 143,4 millóns de euros corresponden ao Fondo de Cooperación Local (FCL) -17,4 millóns máis que en 2022-, algo máis de 11 millóns do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) para accións a prol da contorna natural e o coidado do medio ambiente e outros 3,5 millóns da orde para mellora de infraestruturas municipais de uso público, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2023