Galicia rexistra un total de 974 casos activos por coronavirus

Un total de 691.644 pacientes xa están curados


A día de hoxe hai 789 pacientes en seguimento nos seus domicilios


O Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar a información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos
 

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 974, deles 212 son da área da Coruña, 92 da de Lugo, 119 da de Ourense, 111 da de Pontevedra, 165 da área de Vigo, 179 da de Santiago e 96 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 7 están en UCI, 178 en unidades de hospitalización e 789 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 691.644 persoas curadas, rexistrándose 4.097 falecementos. 

Os últimos falecementos rexistrados por coronavirus foron:

20 de marzo

Home de 87 anos, na área sanitaria de Santiago-Barbanza.

Home de 88 anos, na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

As persoas falecidas tiñan patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 4.060.595.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 7.637.516.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade permanece en alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía debe empregar o número 061 só para emerxencias ou casos graves. Ademais, o Sergas ten a súa disposición a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar a información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Declaración responsable de autotest positivo e uso das máscaras

As persoas que obteñan un resultado positivo tras a realización dun autotest poderán comunicalo ao Servizo Galego de Saúde. Así, poderán facelo a través da aplicación SergasMóbil.

Así mesmo, lémbrase o carácter obrigatorio do uso da máscara en determinados espazos interiores, como son os centros, servizos e establecementos sanitarios; as oficinas de farmacia, e no caso dos profesionais e visitantes dos centros sociosanitarios.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2023