ueda anuncia que a Xunta avaliará os efectos sociais e económicos dos proxectos de cara ás declaracións de impacto ambiental
Adianta que así se recollerá na nova lei sobre aproveitamento dos recuros naturais, que comezará mañá a súa tramitación no Consello do Goberno galego
Defende a “oportunidade” que supoñen para Galicia as enerxías renovables, e en concreto a eólica mariña, con máis de 1200 millóns de investimento vencellados á fabricación de aeroxeradores e a creación de 8000 postos de traballo
Asegura que hai moitas empresas internacionais do sector que están interesadas en instalar o seu proxecto na nosa comunidade
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta avaliará os efectos sociais e económicos dos proxectos de cara ás declaracións de impacto ambiental. Estas valoracións serán recollidas na nova lei sobre aproveitamento dos recursos naturais que comezará a tramitarse mañá no Consello da Xunta.
A “oportunidade” para Galicia das renovables
O presidente da Xunta defendeu a aposta polas enerxías renovables de Galicia e lembrou que o Pacto Verde Europeo establece que se debe chegar á neutralidade climática no 2050, polo que advertiu que se debe comezar “a multiplicar por moitos centos” a xeración destas enerxías. Ademais, lembrou todos os proxectos industriais previstos na comunidade —e entre os que citou o de Stellantis— que precisan dun subministro estable de enerxía a prezos competitivos para a súa posta en marcha.