Ethel Vázquez destaca que o desbloqueo do convenio do Novo CHUAC permite activar as primeiras obras
Vázquez Mourelle urxe a axilizar a tramitación para asinar o acordo, unha vez acadada unha solución viable e eficaz achegada pola Xunta e desbloqueado o convenio do Novo CHUAC
Explica que a Xunta financiará as expropiacións e terá a titularidade da infraestrutura; e o Concello financiará coa achega de 22,2M€ os accesos cuxa titularidade asumirá
Recorda que o acordo tamén establece un plan de pagos flexible que facilitará ao Concello superar as dificultades para asumir os seus compromisos financeiros
Detalla que, polo incremento derivado da crise dos materiais e por asumir as expropiacións, a Xunta tivo que incrementar o orzamento inicial de 430 M€ ata 500 M€
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe que o desbloqueo do convenio do Novo CHUAC permitirá activar as primeiras obras.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade sinalou hoxe no Parlamento que a Xunta agarda que, unha vez acadada unha solución viable e eficaz achegada pola Xunta que permitiu desbloquear o convenio do Novo CHUAC, agora o Concello faga a tramitación axiña para asinar o acordo.
Indicou que o acordo acadado entre as administracións autonómica e municipal establece que a Xunta asumirá o custo íntegro das expropiacións e, como é coherente e aceptable xuridicamente, terá a titularidade da infraestrutura sanitaria.
Segundo o acordo, o Concello destinará o 100% do investimento que lle corresponde achegar, 22,2M€, a financiar os accesos ao complexo hospitalario dos que despois, como xa estaba previsto desde o principio, asumirá a titularidade.
Recordou que o Goberno galego e o Concello da Coruña tamén acordaron un plan de pagos flexible que facilitará á Administración local superar as dificultades que ten para asumir os seus compromisos financeiros.
Asistencia sanitaria de vangarda
A conselleira destacou que o Novo CHUAC é un proxecto estratéxico que permitirá poñer á disposición do medio millón de usuarios unha asistencia sanitaria de vangarda pensada, ademais, a 50 anos vista.
Detallou que, polo incremento derivado da crise dos materiais da construción e por asumir o custo da expropiación dos terreos necesarios, a Xunta tivo que incrementar o orzamento inicial de 430 M€ ata 500 M€.
Indicou que se trata dun proxecto ambicioso desde a vertente sanitaria, ao duplicar a superficie hospitalaria ata contar con 255.000 m² construídos, aumentar un 15% as camas ata chegar a máis de 1.500 ou dispoñer de 40 quirófanos; e desde a económica, xa que supón o maior investimento da Xunta nunha infraestrutura sanitaria.
Explicou que este proxecto é complexo desde o punto de vista técnico porque supón unha importante reordenación da trama urbana nun ámbito moi importante da cidade da Coruña. Neste sentido, lembrou que a construción duns accesos que garantan a súa integración e funcionalidade supuxo un reto importante.
Para acadar este obxectivo, concretou que se avaliaron ata 20 alternativas para, finalmente, optar por asumir a titularidade da AC-12, arredor de 3 quilómetros da avenida da Pasaxe, entre a intersección coa avenida de Oza e o enlace coa AC-11 na Ponte Pasaxe. Destacou que é esforzo e unha responsabilidade considerable por parte da Xunta ao asumir a titular da AC-12, e sen contraprestación algunha por parte do Ministerio.
Engadiu que contar co terreo necesario para acometer as obras supuxo un desafío e, para que a infraestrutura non encallara, a Xunta ofreceu alternativas para que os expropiados poidan contar cunha nova vivenda na mesma contorna.