A Xunta licita por máis de 1 M€ a execución de 2 aparcadoiros disuasorios que sumarán 136 prazas para o fomento do vehículo compartido no Salnés
Construirase un aparcadoiro de 59 prazas nas inmediacións da glorieta do enlace da V.G.-4.3 coa N-640 en Vilagarcía de Arousa, cuxas obras se licitan por máis de 563.000 €
Tamén se inicia a contratación doutro aparcadoiro de 77 prazas na contorna da rotonda entre a autovía do Salnés e a VG-4, en Ribadumia, por máis de 477.000 €
As dúas novas áreas de estacionamento favorecerán o uso compartido de vehículos nas viaxes entre a zona do Salnés e as áreas de Pontevedra, de Vigo e de Santiago, contribuíndo á implantación de zonas de baixas emisións
A Xunta licitou hoxe por máis de 1 M€ as obras para a execución de dous aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido, asociados á implantación de zonas de baixas emisións, na comarca do Salnés.
Concretamente, habilitarase un aparcadoiro no concello de Vilagarcía de Arousa e outro no municipio de Ribadumia que disporán, en conxunto, dun total 136 prazas de estacionamento.
A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle hoxe o inicio da contratación destas dúas actuacións, ás que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 19 de abril. O obxectivo da Xunta é comezar os traballos tras o verán, cun prazo de execución de 5 meses.
En concreto, as obras do aparcadoiro proxectado nas inmediacións da glorieta da vía de alta capacidade Cambados-Vilagarcía (VG-4.3) e da N-640, no lugar de Coruxo, no municipio de Vilagarcía de Arousa foron licitadas por importe de 563.315 euros.
As obras do segundo aparcadoiro, na contorna da rotonda entre a autovía do Salnés (AG-41) e a VG-4, no núcleo de Barrantes, en Ribadumia, foron licitadas por 477.261 euros.
O detalle das actuación
O aparcadoiro proxectado no municipio de Vilagarcía de Arousa executarase nun recheo xa existente adxacente á glorieta do enlace da V.G.-4.3 coa N-640, de 1.950 m2 e cunha capacidade para un total de 59 prazas, 9 delas en liña e o resto en batería. Do total de prazas, 2 estarán reservadas para vehículos adaptados á persoas con mobilidade reducida.
O novo aparcadoiro disporá dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación que serán de sentido único.
Polo perímetro exterior do aparcadoiro disporase unha franxa verde de 1,30 metros de ancho na que irá o arborado e o alumeado.
Ademais, na marxe dereita das prazas en liña que se atopan no bordo este, disporase unha franxa de lastro de 1 metro para facilitar o descenso dos usuarios do vehículo, cunha varanda de madeira de 90 centímetros de alto e 40 metros de largo. Na súa marxe esquerda disporase dunha franxa de 1,50 metros en formigón como itinerario peonil. Para o acceso a este aparcadoiro será necesario acondicionar o viario de acceso existente.
No caso do estacionamento disuasorio que se situará nas proximidades do núcleo de Barrantes, en Ribadumia, distribuirase nunha superficie de 2.815 m2 sobre unha explanada adxacente á estrada provincial EP-9405 e bordeada polo rego de San Martiño, xa dedicada a estacionamento de vehículos. Terá unha capacidade de 77 prazas, todas en batería, con dúas prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida.
Do total de prazas, 26 disporanse nunha illa central que se rodeará dunha franxa perimetral para tránsito peonil de 1,80 metros e carrís de circulación que serán de 4,20 metros de ancho e de sentido único. O resto das prazas disporanse nos bordos da estrada e do leito do río separadas destes por unha beirarrúa de 2,50 metros de ancho.
Nesta actuación intervirase no perímetro exterior do aparcadoiro e na illa central, para dispor unha franxa verde de 1,30 metros de ancho na que irá arborado e o alumeado. Ademais, para o acceso ao aparcadoiro acondicionarase o viario de acceso existente reforzando o firme en todo o ancho da plataforma, elevando o paso de peóns existente e executando un paso de peóns novo.
Este segundo aparcadoiro disporá tamén de 80 metros de varanda para protexer a caída ao leito do río San Martiño e 52 metros de valado para illar a finca colindante.
A Xunta con estas dúas novas intervencións incide no fomento do uso compartido de vehículos, que neste caso favorece as viaxes entre a zona do Salnés e as áreas de Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela e contribuír, deste xeito, á implantación de zonas de baixas emisións nelas.
Estas actuación forman parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles, aos que destina este ano un investimento de 29,3 M€. Nestas actuacións inclúense os aparcadoiros disuasorios, as sendas nas contornas das grandes cidades, a mellora da seguridade e da accesibilidade nas paradas de autobús nas estradas autonómicas e os investimentos nas estacións intermodais.
O Goberno galego segue a impulsar a mobilidade sostible, traballando na dotación de aparcadoiros disuasorios en zonas próximas ás principais vías de entradas ás cidades de Galicia e conectados coa rede de servizos de transporte público colectivo, con itinerarios peonís e ciclistas.