A Xunta adxudica a redacción do proxecto e dirección das obras da reforma integral do centro de saúde da Milagrosa de Lugo, cuxos traballos suporán un investimento de 2,5 M€

A actuación permitirá a modernización completa do centro, adaptando o edificio aos criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética, resolvendo os problemas de accesibilidade e redistribuíndo os espazos para a mellor prestación sanitaria

Este contrato, adxudicado por case 140.000 €, conta cun prazo de execución de 28 meses e inclúe a dirección das obras ata a súa completa finalización

O obxectivo da Xunta é dotar o centro de saúde de 6 consultas de medicina xeral e outras tantas de enfermería; 2 salas de docencia; 1 despacho de traballo social; 2 salas polivalentes; 1 sala de técnicas, 1 de urxencias e outra de toma de mostras

Esta intervención forma parte do traballo da Xunta no reforzo das infraestruturas sanitarias en Lugo, co 1º Centro Integral de Saúde de Galicia no barrio da Residencia que culminará na primavera, logo dun investimento autonómico de máis de 13 M€

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a redacción do proxecto e dirección das obras da reforma integral do Centro de Saúde da Milagrosa de Lugo, cuxos traballos suporán un investimento autonómico de 2,5 M€.

Trátase das intervencións que deben dar forma á completa mellora deste centro de saúde, adaptando as súas instalacións ao século XXI, optimizando espazos e asegurando a eficiencia enerxética e a accesibilidade.

O contrato, adxudicado á empresa Sabin-Blanco Arquitectos S.L.P. por un importe de 139.768 euros, conta cun prazo de execución de 28 meses e inclúe a dirección das obras ata a súa completa finalización.

O obxectivo desta actuación da Xunta é reordenar os espazos e acometer unha reforma integral que permita modernizar e acabar coas deficiencias deste centro de saúde, cuxas instalacións, a día de hoxe, están obsoletas.

Cómpre lembrar que se trata dun equipamento con 44 anos de antigüidade que ocupa un antigo sanatorio, con 1.500 m2 de superficie construída nun edificio de 4 andares que presenta problemas de accesibilidade, funcionalidade e tamaño nos espazos asistenciais, tanto de consultas como de salas.

Deste xeito, mediante este contrato a Xunta persegue no seu deseño ir máis alá dunha mera reorganización de usos e acometer unha actualización completa que permita adaptar o edificio aos actuais criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética. Para iso está prevista a renovación e adecuación do illamento da envolvente exterior, coa renovación e mellora funcional das fachadas e das cubertas, ademais das instalacións.

Mediante este contrato definiranse as intervencións necesarias que resolverán, ademais, os problemas de accesibilidade, tanto no propio acceso ao edificio como nas comunicacións internas, tanto verticais como horizontais. Deste xeito, a mellora da accesibilidade non só será para os peóns, senón que tamén se dotará este centro de saúde da Milagrosa dun espazo axeitado para a entrada da ambulancia baixo teito e un lugar para dispoñer de cadeiras de rodas e padiolas á disposición dos pacientes que o necesiten. Ademais, habilitaranse aseos adaptados para persoas con mobilidade reducida.

Tamén se levará a cabo unha redistribución de espazos para garantir a prestación sanitaria nas mellores condicións, tanto para os traballadores como para os pacientes.

O obxectivo da Xunta é dotar o centro de saúde da Milagrosa de 6 consultas de medicina xeral e outras tantas de enfermería; 2 salas de docencia; 1 despacho de traballo social; 2 salas polivalentes; 1 sala de técnicas; 1 de urxencias; e 1 de toma de mostras.

Tamén se disporá unha área de admisión e zonas para o persoal, mellorando espazos existentes como o de coordinación ou sala de xuntas, e incorporando outros novos, como a sala de estar ou o vestiario.

Esta nova actuación enmárcase no camiño da mellora e do reforzo das infraestruturas sanitarias en Lugo que está a levar a cabo o Goberno galego. A este respecto, cabe sinalar que nestes momentos a Xunta ultima os traballos para a posta en servizo nesta primavera do que será o primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia, no Barrio da Residencia, grazas a un investimento autonómico de máis de 13 millóns de euros.

A reforma do centro de saúde da Milagrosa é unha das dúas actuacións na cidade de Lugo que a Xunta de Galicia incluíu na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado en outubro de 2021. A segunda é a posta en marcha dun novo centro de saúde no barrio do Sagrado Corazón para o que a Xunta segue á espera da cesión dunha parcela axeitada por parte do Concello de Lugo.

Data de actualización: 23/03/2023