A Xunta autoriza as expropiacións para executar a Torre Polivalente do Hospital público da Coruña, o Novo CHUAC, que suporá un investimento de 37,2 M€
“Será a primeira obra visible deste proxecto estratéxico para a Xunta”, indicou o presidente do Goberno galego
Rueda resaltou que o Executivo autonómico vai investir 500 M€ no futuro hospital público coruñés co obxectivo de consolidalo como “un dos mellores de España”
A Torre Polivalente será o centro desde o que se administre o complexo hospitalario e funcionará como nexo entre as novas edificacións e o hospital actual a través dunha pasarela elevada
Ocupará 4.500 m² en planta rectangular e terá 13.700 m² de superficie construída, que se distribuirán en 16 andares, 4 deles baixo rasante; acollerá a administración, as áreas de xestión sanitaria, os laboratorios e o hotel de doentes, con 14 habitacións
O Executivo autonómico impulsa esta actuación grazas ao acordo acadado a pasada semana entre a Xunta e o Concello para desbloquear o convenio sobre o Novo CHUAC
A redacción do proxecto da Torre Polivalente adiantouse ao resto de espazos do Novo CHUAC, polo que e a previsión da Xunta é licitar neste segundo trimestre as obras, que terán un prazo de execución de 12 meses
O Goberno galego traballa para dar alternativas para que os expropiados teñan vivenda na zona
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello autorizou na súa reunión semanal o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar “unha das primeiras obras visibles que conformarán o Novo CHUAC”, a Torre Polivalente.
Rueda resaltou que o novo hospital coruñés é “unha infraestrutura fundamental” para o Goberno galego, no que se van investir 500 millóns de euros co obxectivo de “consolidar a este centro como un dos mellores de España”.
O investimento que o Goberno galego destinará a Torre Polivalente é de 37,2 M€, no cal se inclúe o pagamento dunha porción de terreo colindante coa parcela onde se levará a cabo a actuación, que é precisa para a demolición do actual Hospital de pacientes e para a execución dun novo, dentro do ámbito do futuro Complexo Hospitalario.
Cómpre subliñar que o visto e prace do Executivo autonómico que impulsa
esta actuación é posible tras o acordo acadado este pasado 14 de marzo entre a Xunta o Concello da Coruña para desbloquear o convenio sobre o Novo CHUAC, o que permite poder empezar a licitar as obras desta actuación estratéxica e prioritaria para o Goberno galego. Segundo explicou Rueda, ao abeiro acordo acadado, logo de que a Xunta puxese enriba da mesa propostas viables e eficientes, “o Concello farase cargo de financiar os accesos ao hospital e a Xunta das expropiacións necesarias”. Esta decisión, xunto cun plan de pagamentos flexible para a achega municipal propiciou o desbloqueo do convenio.
A Torre Polivalente é a primeira fase do futuro Hospital Público da Coruña, de modo que a intervención dea como resultado un novo hospital, que integre o que se vai construír co que xa existe, funcionando todo como un conxunto.
O novo edificio terá 13.700 m2 e 16 plantas de altura, 4 delas baixo rasante, destinadas a usos sanitarios polivalentes, hotel de pacientes e áreas administrativas que se conectarán mediante unha pasarela co hospital existente.
A redacción do proxecto da Torre Polivalente adiantouse ao resto de espazos do Novo CHUAC, polo que e “a previsión da Xunta é licitar neste segundo trimestre as obras, que terán un prazo de execución de 12 meses”, indicou Rueda.
Primeira peza do Novo CHUAC
A Torre Polivalente será a primeira peza do Novo Hospital Público da Coruña e construirase na parcela sen edificar que está situada ao carón do actual complexo hospitalario, desde o que se administrará todo o hospital e servirá de nexo entre as novas edificacións e o hospital actual, a través dunha pasarela elevada que o conectará co bloque oeste existente.
A autorización hoxe da expropiación da parcela de 119 m² do aparcadoiro privado existente nas inmediacións é necesaria para executar a Torre Polivalente, que albergará a administración, as áreas de xestión sanitaria, os laboratorios e o hotel de doentes, con 14 habitacións.
O anel viario que circundará o novo hospital, permitindo os múltiples accesos e conectar coa trama de rúas locais que converxen no hospital, obriga a demoler o actual hotel de doentes, cuxo proxecto se está tamén redactando, e resulta necesario dispoñer un novo espazo para albergar os seus usos.
A execución desta Torre Polivalente, que se constrúe ao abeiro PXOM da Coruña, sobre terreos dotacionais públicos, disporá de 2 accesos para garantir unha mellor funcionalidade: unha entrada para os usuarios do hotel de doentes e persoal administrativo, cunha zona cuberta que conformará un gran soportal de acceso, e outra entrada para persoal sanitario, en cuxo exterior se disporá unha praza de uso público e zonas verdes.
A execución da Torre Polivalente seguirá un sistema construtivo que se poida adaptar ás novas necesidades e cambios organizativos, seguindo criterios de eficiencia enerxética, desde o punto de vista térmico, de iluminación e da xestión da auga, primando o baixo consumo con dispositivos de aforro, empregando materiais de proximidade e reciclables, e buscando tamén a máxima funcionalidade.
Para o Goberno galego o Novo CHUAC é un proxecto prioritario e estratéxico para blindar a atención sanitaria da Área da Coruña nas vindeiras décadas, polo que está a facer todo o posible para o seu impulso, afrontando un incremento do orzamento ata os 500 M€, analizando ata 20 alternativas para facer viables os accesos e asumindo a titularidade da AC-12, e ofrecendo opcións para que os expropiados poidan contar cunha nova vivenda na zona.